Lupe Gómez gaña o premio de poesía Fiz Vergara Vilariño

O seu poemario Montaña Ioga emprega esta disciplina como fío condutor

A poeta Lupe Gómez está a ter unha tempada de moitos éxitos. Tras resultar gañadora do X edición do certame de poesía Manuel Leiras Pulpeiro en Mondoñedo a finais de novembro, o sábado fíxose público o fallo do xurado da XXI edición do premio de poesía Fiz Vergara Vilariño, convocado polo concello de Sarria e a Asociación Cultural Ergueitas. Lupe Gómez fíxose con este galardón, dotado con 6.000 euros, polo seu poemario Montaña ioga. Segundo o xurado, trátased un libro de poesía "de grande perfección estrutural e estilística. Unha obra telúrica con imaxes potentes na que se fai unha defensa da terra cunha ollada profunda". O ioga conduce todo o poemario, "a través dun percorrido por diferentes posturas ao tempo que avanzamos polos poemas".