Sete festivais galegos compiten nos premios ibéricos do sector

Os Iberian Festival Awards están agora mesmo en fase de votación popular

A pesares da dificultade para organizar este tipo de eventos, no ano 2021 puidéronse celebrar algúns festivais musicais en Galicia, moitos deles cun cambio de formato adaptado á situación. Grazas a iso ata sete destas citas realizadas na nosa comunidade veñen de presentarse nalgunha das 22 categorías dos VI Iberian festival Awards, certame que premia eventos de España e Portugal. Citas xa veteranas nestes galardóns como Portamérica, SonRías Baixas, WOS ou O Son do camiño, volven buscar recoñecmento nalgunhas das moitas categorías destes galardóns, entran con forza tamén outras novas como O Son dos Arrieiros, da Estrada, e Nachiños Fest, de Ferrol. Agora mesmo o certame está en fase de votación por parte do público a través de Internet, despois os resultados que decida o público pasarán pola decisión dun xurado que comunicará o seu veredicto nunha gala en Lisboa o 26 de marzo de 2022. En anteriores anos xa foron premiadas algunhas das citas galegas neste certame.