Pasaron dos escenarios a actuar en espazos abertos no Son d'aldea de Santiago de Albá. Levaron o formato á costa ártabra no proxecto Son do Mar. A pandemia levounos a dar o salto ao formato audiovisual. E agora recuncan ante as cámaras con Son de muller, outra serie de vídeos contra a violencia de xénero. Co seu labor, o grupo afeccionado Metátese Teatro amosa o potencial do traballo escénico para dinamizar comunidades, tratar cuestións sociais e transmitir a memoria e o patrimonio inmaterial.
Nado en 1992 en Vilar de Donas (Palas de Rei), Metátese Teatro foi durante anos un grupo de teatro amador activo que desenvolvía as actividades habituais dunha formación deste tipo. Preparación de montaxes, representacións en salas, participación en circuítos, organización de festivais ou traballo con centros de ensino facían parte do repertorio do colectivo. No entanto, desde hai dez anos, e co grupo irmán Alentía, máis orientado ao teatro infantil e escolar, son responsables de varias iniciativas de teatro comunitario que fan deles un caso único no noso país. O grupo na actualidade conta cun núcleo de vinte e catro persoas pero as actividades implican a outro medio cento, a incluír alumnado de primaria e de secundaria.
Son d'aldea
Afonso García Penas, director dos grupos, recoñece que o desenvolvemento progresivo destas propostas vencelladas ao teatro comunitario non foi premeditado. "Son redes que se van entretecendo", apunta. "O comezo foi Son d'aldea". Este proxecto celebrou a súa primeira edición en setembro de 2011 e botou a andar a partir dunha suxestión. "José Luís Carreira Valín", responsable da empresa local de queixos Arqueixal, "insistíanos en que tiñamos que colaborar coa Asociación Veciñal O Parzamique, da aldea de Santiago de Albá. Nunha visita a Estocolmo descubrimos o Museo ao Ar Libre Skansen, que ten os seus contidos teatralizados, e pensamos en facer tamén un roteiro teatral por Albá", explica. Desde aquela, cada primeira fin de semana de setembro, medio cento de persoas de diferentes idades, coordinadas polas dúas formacións amadoras, póñense ante o público en diferentes espazos da propia aldea para representar personaxes e escenas breves da vida na sociedade tradicional. Os moceos, os conflitos entre xeracións, os diferentes traballos no agro ou os xeitos de celebrar combínanse con recreacións de personaxes históricas como o guerrilleiro Curuxás ou contos e lendas populares.
Fóra da escena, outro medio cento de voluntarias e voluntarios contribúen a que a experiencia vaia adiante cada ano. Logo de dez anos, o resultado deste proxecto é un importante éxito. "Sempre se esgotan as prazas", apunta o director de Metátese, malia a que cada ano medio milleiro de participantes teñen a oportunidade de percorrer as diferentes escenas do roteiro polos camiños de Albá e dos seus arredores. "Limitamos a asistencia porque non queremos que sexa un evento masificado. Reivindicamos a calidade da experiencia e que a xente que veña estea cómoda e se sensibilice co contorno, poida falar cos actores e actrices e que este se constitúa como un espazo de intercambio e unha fiestra aberta á creatividade".
Son do mar
Dentro dos milleiros de visitas que conseguiu Son d'aldea neste tempo estivo a de membros do Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Golfo Ártabro Sur. "Gustoulles o proxecto e puxéronse en contacto con nós coa idea de desenvolver algo similar nos concellos nos que eles traballaban". A Coruña, Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada compuñan o novo territorio ao que se achegou Alentía, de novo baixo a dirección de García Penas, para desenvolver Son do Mar. A iniciativa comezou en 2019 coa celebración dun roteiro teatralizado en Sada no que participaron tanto membros do grupo como persoas da poboación local. Dez escenas ambientadas nos anos 40 e 50 en diferentes espazos da vila amosaron a realidade dos oficios do mar e das súas xentes neste período.
O paso ao audiovisual
A chegada da Covid en 2020 obrigou a mudar o formato desta iniciativa e levou a xente de Metátese a se achegar ao formato audiovisual. "Estabamos a traballar na segunda edición cando nos confinaron. O GALP quería seguir coa proposta pola boa resposta social que conseguira e o material que recuperaramos. Entón o que se fixo foi gravar, entre xuño e setembro, as diferentes escenas que compuñan o roteiro", explica García Penas. Para este traballo contaron coa colaboración de Hugh McGinley a se ocupar da produción e da filmación. "Foron dúas escenas en cada un dos concellos do grupo mais unha final de feche", lembra. "Fixemos unha escena final e fiamos todo cun personaxe que vertebraba o discurso, un emigrante retornado que chamamos Ramón Boutureira que vía como mudaran as cousas na zona desde a súa partida". Esta colección de vídeos presentouse publicamente no pasado 16 de setembro logo de se ir publicando no Youtube do GALP ao longo da primavera pasada.
A adaptación
A mudanza de formato obrigou a adaptar o xeito de traballo. Segundo recoñece o director, en grupos amadores como son Metátese e Alentía "foi complexo pasar ao formato audiovisual". Para se achegar ao vídeo, apostaron por partir da mesma base de episodios curtos en diferentes localizacións que caracterizan os seus roteiros teatrais. As pezas "reproducen a estrutura teatral que xa empregamos en Son d'aldea" pero esixiron "adquirir novas ferramentas, estratexias e técnicas". Canda a isto, neste proxecto "non está só o grupo de teatro, hai tamén xente da zona e persoas de entre 3 e 96 anos. É todo un traballo de animación e dinamización social moi complicado". Entre as mudanzas que esixiron estes proxectos, "ás veces cómpre reducir a duración das escenas e concentralas máis para que sexa un produto con mellor visualización nas redes. En ocasións é moi difícil seleccionar do caudal de información que che achegan, máis cando as propias persoas que dan a información son tamén quen a levan a escena, e parécelles mal se lles curtas. Hai que equilibrar o respecto cara a eles e ao seu traballo coas necesidades da peza", advirte.
Son de muller
De novo, o éxito dun proxecto levou ao seguinte. "Os vídeos de Son do mar conseguiron un número importante de visualizacións, e viunos a persoa responsable do Centro de Información á Muller de Palas de Rei", a mesma vila na que Metátese desenvolve a súa actividade. "Comentounos que quería facer algo similar a falar do rural e da muller, e de aí saíu Son de muller". Esta última produción consiste en nove episodios que se foron publicando nas redes sociais do Concello na semana previa ao Día contra a Violencia de Xénero, este 25 de novembro de 2021. En cada un deles recréanse historias reais para se introducir "nese mundo onde a existencia e a esencia feminina se viu e se ve cortada por actitudes de descualificación ou dominio por parte do home", segundo explica a presentación da iniciativa. "Centrámonos en casos que nos contaron persoas maiores e tamén recollemos situacións actuais que se dan nos institutos e que nos deron a coñecer profesionais da orientación escolar nesta zona", lembra García. Desta volta foi José Antonio Nieto quen se encargou da gravación e da montaxe neste traballo no que cincuenta e tres actores e actrices, desde estudantado de primaria e secundaria a xente xubilada.
Todos os vídeos de Son de Muller
O traballo fóra das táboas
Para alén do traballo máis vencellado á posta en escena, este tipo de proxectos implican, segundo recoñece o director, un inxente labor fóra de foco. "Detrás hai un equipo moi grande de persoas que temos que nos adaptar a diferentes horarios para entrevistar informantes ou localizar espazos para as gravacións". Para este último labor contan a miúdo con axudas. "A propia xente é a que fornece lugares e dá ideas". Logo de ter localizados eses espazos, "hai que seleccionar a información, escribir os guións, conseguir o vestiario ou o atrezzo e facer as gravacións". Do mesmo xeito "moitas das persoas que participan achegan obxectos para axeitar os lugares á época da escena, hai unha implicación moi grande".
Recuperar memoria a través do teatro
Dentro destas tarefas paralelas, o proceso de recuperación da memoria é o máis demorado. "Agora é máis doado porque a xente xa coñece as iniciativas e ten máis confianza, pero as entrevistas seguen a ser o que leva máis tempo. Non abonda con ir un día, tes que ir varios para ao final acabar por extraer anécdotas e situacións, e cada vez aparecen cousas novas. A informante dunha escena sobre a experiencia de servir en Son de muller aínda nos dixo, despois de falar con ela sete veces, que quedaron moitísimas cousas por plasmar no capítulo". Este meticuloso traballo fai que "teñamos moito material para continuar tanto con Son d'aldea como con Son de muller ou Son do Mar", admite García. O interese pola memoria oral e a recreación de eventos do pasado, polo xeral de entre os anos 40 e 60 do século XX aparecen como elementos comúns destas producións de Metátase e Alentía. Segundo defende o director "facemos esta aposta de xeito consciente, pero a nosa non é unha ollada nostálxica. Nós procuramos o coñecemento que nos achega este patrimonio, queremos aprender e extraer conclusións, aproveitar todo o que nos serve para o aplicar á nosa vida diaria. Tamén é un xeito de agradecerlle a aqueles que viñeron antes, grazas a eles somos como somos". A importante aposta que fai desde hai anos Metátese por proxectos de recuperación e recreación da memoria e do patrimonio oral fai parte da súa propia esencia. Segundo o seu director "dentro dos principios fundacionais do grupo está a reivindicación e a defensa activa do patrimonio cultural galego e da lingua, e sobre todo do mundo rural".
Os espazos
Ao empregar espazos reais para localizar os seus traballos neste campo, as gravacións e as actuacións de Metátese "permiten que moita xente coñeza o territorio. No capítulo sete de Son de muller sae un lavadoiro que só lembraba un home de 82 anos, que nos contou a súa historia e nos permitiu descubrilo. É unha peza que ten máis de 200 anos situada nunha finca da súa propiedade, só ten auga en inverno, que eran cando se empregaba, xa que no verán íase lavar ao río. Este mesmo home descubriunos unha lareira incrible en Vilareda, na que gravamos a escena final do home que tira un garabullo ao lume". Do mesmo xeito, en Son d'aldea póñense en valor diferentes espazos, e o interese por manter nas mellores condicións a contorna para albergar a actividade fai que se estean a recuperar carreiros e congostras tradicionais da zona. "Ata está a conseguir que se conserven carballeiras. Hai pouco un veciño dicíame que non cortara unha que empregamos un ano porque lle dixemos que era moi bonita. Agora quere que levemos de novo a actividade alí", explica o director.
A integración audiovisual
A aposta polo audiovisual promete quedar no repertorio do grupo. "A intención é seguir perfeccionándoo", sinala García. No entanto, no grupo recoñecen a súa preferencia pola actuación ao vivo. "Gústanos moito o teatro físico, a xente que colabora con Son d'aldea recoñece que non hai como actuar con público, identifican o teatro como algo natural e fronte as escenas gravadas, que perciben como algo artificial". No grupo fixéronse conscientes das vantaxes que se lles achegou este medio "É un mundo aberto a novas posibilidades. Facilita chegar a un público máis amplo, o primeiro capítulo de Son de muller leva máis de 2.000 visualizacións e hai varios institutos que queren empregar a serie nas aulas". Canda a isto, recoñece o potencial do vídeo para "preservar o material etnográfico e patrimonial que fai parte destas pezas e que non queremos que se perda, como vocabulario, fraseoloxía, contos ou lendas", apunta.
De xeito paralelo a estes proxectos, Metátese e Alentía continúan co programa de ensaios e actuacións convencionais, nun esforzo considerable que, no entanto reporta tamén satisfaccións. "O sorriso nos ollos que ten a xente cando participa nestes proxectos, unha felicidade plena de compartir e axudar non o vin en ningún sitio a nivel profesional". Canda a isto, teñen previsto darlle continuidade a todos os proxectos con novas entregas. "En Son do mar aínda estamos a definir o formato, ao GALP gustoulle moito o roteiro presencial e a implicación da xente. O Centro de Información á Muller xa amosou o seu interese en continuar con Son de muller e mesmo sacará unidades didácticas para traballar cos vídeos en institutos e colexios. Alén de continuar con estes proxectos, o contacto co audiovisual está a deixar a súa pegada en Son d'aldea, a iniciativa orixinal. "O proxecto segue o seu camiño, e a idea é ilo levando por diferentes aldeas. Como nos gustou o feito de gravar este tipo de propostas, recollemos tamén en vídeo as dezaseis escenas da edición que celebramos en 2021, dedicada a Os saberes da aldea. Estes vídeos vanse publicar a partir de xaneiro, e contamos con que a partir de agora se graven todas as edicións dos roteiros para que quede constancia deste traballo e non se perda", asegura o director da formación.