A revista A Cuarta Parede leva o X premio José Sellier

A Academia Galega do Audiovisual recoñece a primeira revista dixital en galego de crítica cinematográfica

A Academia Galega do Audiovisual daba a coñecer este 24 de novembro o fallo do X premio José Sellier co que recoñece iniciativas salientables neste sector. Nesta xeira, a entidade galardoou a revista dixital A Cuarta Parede, que cumpre tamén dez anos neste 2021. A publicación galardoada, primeira revista dixital de crítica cinematográfica en galego, acumulou nesta década máis dun milleiro de artigos publicados, e unha rede de colaboradores que supera as cento cincuenta persoas. Para alén deste labor, desenvolveu seminarios da crítica, o proxecto colectivo Cinegalicia 2019 ou a serie #Procesos, con entrevistas en profundidade a creadoras e creadores galegos.


O galardón entregarase o vindeiro 1 de decembro no antigo Cine Valle Inclán da Coruña nun evento conducido pola xornalista María Solar, onde tamén se presentará o novo trofeo, deseñado polo artesán Teodoro Castro.