Alejandro González Pascual protagoniza a nova mostra do Museo de Belas Artes da Coruña

Pezas nunca expostas do pintor poden verse ata o vindeiro 22 de febreiro

| Santiago. Redacción | Seccións: Arte
Compartir:
Alejandro González Pascual. Sen título. 1980. Fonte: Museo de Belas Artes.

Alejandro González Pascual. Sen título. 1980. Fonte: Museo de Belas Artes.

O Museo de Belas Artes da Coruña abría este 18 de novembro a exposición Alejandro González Pascual 1930-1993, que a entidade define como "unha das figuras máis singulares das últimas décadas do século XX da plástica galega". Esta antoloxía continúa a liña do centro de lle dedicar mostras monográficas a diferentes artistas do país, e poderá verse ata o vindeiro 22 de febreiro.

O proxecto recupera obras procedentes na súa meirande parte de coleccións privadas, moitas das cales expóñense por primeira vez. A estas súmanse pezas cedidas por institucións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Delegación do Goberno en Galicia, o Museo Provincial de Lugo, a Real Academia Galega ou a Colección de Arte Abanca.

A mostra artéllase en catro bloques que atenden aos grandes temas que elaborou o autor. Cos títulos de Natureza, Bodegón, Estudio e Retrato estes espazos permiten achegarse "á obra e á atmosfera de González Pascual, un mundo repleto de lirismo, sutileza e autenticidade" segundo explica o museo na presentación da mostra. A mostra compleméntase cun catálogo que contará con artigos de Xavier Seoane e Luís Rei, a abordar a traxectoria artística do pintor.

O autor, cun grande interese pola natureza, "converte a paisaxe no instrumento expresivo principal da súa obra", cun importante peso dos troncos e desenvolve "diversas etapas con elementos repetitivos con fondos escuros, cheos de sombras, e obxectos fortemente iluminados". Nos últimos anos da súa vida centrouse na temática do bodegón canda a "escenas de interiores, recreando espazos repletos de luz".

Que che parece esta nova?
91 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Belas Artes, Museo de Belas Artes da Coruña, Natureza, Xavier Seoane...