O XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo recoñece o traballo de Arancha Nogueira

A autora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros

A autora recibirá un premio en metálico de 4.000 euros
Arancha Nogueira. Fonte: IEM
O poemario Antese de Arancha Nogueira, foi escolleito como traballo vencedor do XIII Premio de Poesía Victoriano Taibo. O Instituto de Estudos Miñoráns, que convoca o certame en colaboración co Concello de Gondomar e a Editorial Galaxia, deu a coñecer este 20 de outubro o fallo, que lle outorgará á autora Arancha Nogueira un premio en metálico de 4.000 euros e unha escultura de Fino Lorenzo. Ademais, a editorial Galaxia publicará a obra gañadora.

O xurado desta edición estivo conformado polas escritoras Úrsula Heinze e Eva Mejuto, e os escritores Carlos Lema en nome da Editorial Galaxia, Miguel Anxo Mouriño en nome do IEM e Fran Fernández Davila, gañador da XII edición. No fallo, valorou o se tratar "dunha obra de diálogo interxeracional construída sobre unha forma actual que combina levidade e fondura, na que se atopa unha voz perfilada e madura capaz de sintetizar dunha forma accesible situacións e sentimentos tremendamente complexos".

Ademais, destaca "o uso experto da lingua, así como da natureza cativa dun xardín como ferramenta e testemuña da liberación da alma humana a través da poesía. Saliéntase tamén a unidade temática, o ton sutil e reivindicativo do libro e a patente depuración de cada un dos versos usados, que medran en capacidade evocadora segundo se avanza na lectura". No fallo nomeáronse finalistas as obras presentadas baixo os lemas Fío, O círculos incompletos e Funámbula na fronteira, e o xurado destacou tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

A entrega do galardón está prevista para o vindeiro mes de marzo, e está previsto que a autora imparta un obradoiro de creación literaria en Gondomar.