Antón Blanco Casás obtén o XVI Premio de Poesía Victoriano Taibo

A súa obra Bosque reportoulle 4.000 euros en metálico e será publicada pola editorial Galaxia

26/11/2024 | Santiago. Redacción | Seccións: Literatura

Antón Blanco Casas. Fonte: Editorial Galaxia

O xurado do XVI premio de Poesía Victoriano Taibo, que convoca o Instituto de Estudos Miñoráns en colaboración co Concello de Gondomar e coa Editorial Galaxia daba a coñecer este 25 de novembro o fallo desta edición. Antón Blanco Casás impúxose entre os traballos presentados coa súa obra Bosque.

Que che parece esta nova?
55 lecturas 0 reaccións
Compartir:

O autor recibirá un premio en metálico de 4.000 euros e verá a súa obra publicada na colección Dombate da Editorial Galaxia. Desta dotación, 3.000 euros son en concepto de dereitos de autoría e 1.000 máis por impartir un obradoiro presencial de poesía en Gondomar entre xaneiro e marzo de 2025.

No seu fallo, o xurado valorou "a enunciación a través dunha voz épica e lírica a un tempo, a concepción da escrita como un oco a través do que se abre un bosque cunha capacidade de evocación insólita e a concepción da vida fluída e circular que integra corpo, natureza e escrita nunha relación intimamente ligada e horizontal". Canda a este traballo, foron declarados finalistas no certame os poemarios presentados baixo os lemas Antes da xabreira, e A illa sen reloxo.

A filóloga e tradutora Emma Lázare, Yaiza Peixoto, mestra e Presidenta de Espazo Lectura, Masha Álvarez, profesora e poeta gañadora da edición anterior, Tamara Andrés, escritora e tradutora e mais Miguel Anxo Mouriño, en representación do Instituto de Estudos Miñoráns, compuxeron o comité de selección.

O acto de entrega do galardón e a presentación do libro celebraranse no mes de marzo de 2025, a coincidir co cabodano do pasamento do poeta Victoriano Taibo.

Que che pareceu?
0 reaccións
Difunde a cultura galega:
Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Victoriano Taibo, Poesía, Editorial Galaxia, Concello de Gondomar...