A música entra polos portos de mar

Dous novos ciclos de outono traen concertos a Vigo e Coruña reivindicando o seu carácter portuario

Dous novos ciclos de outono traen concertos a Vigo e Coruña reivindicando o seu carácter portuario
Porto da Coruña
'Porto Maresía' e 'Noites do Porto' son dúas iniciativas que veñen de ser presentadas con apenas días de diferencia e que coinciden en ofrecer ciclos de concertos nun contexto de cidades costeiras portuarias, e mesmo usando algunhas das infraestruturas a tal fin. As instalacións do Palexco, no porto da Coruña coinciden en ambos programas. Do 29 ao 31 de outubro, nos terreos portuarios desas instalacións terán lugar os concertos abrindo con iso este espazo simbólico da Coruña á cidadanía. Alí instalarase o escenario e a carpa para as tres sesións, nas que o público poderá gozar de pé da música dos andaluces Derby Motoreta's Burrito Kachimba e Califato ¾ (29), Bad Gyal (30), e Xoel López e Ángel Stanich (31). O ciclo está organizado desde a promotora Masgalicia e de momento, a capacidade máxima será de 1.000 persoas de pé, mais agardan poder aumentala a 1.500.

No auditorio do mesmo Palexco da Coruña, terán tamén lugar parte dos concertos de 'Porto Maresía', un ciclo a celebrar do 25 ao 28 de novembro, entre Coruña e Vigo que se presenta "con sabor a sal" e que ofrece as actuacións de catro nomes da escena musical galega, tres deles xustamente de artistas saídos tamén de localidades costeiras. Heredeiros da Crus, Ortiga, Andrés Suárez e Guadi Galego conforman el cartel de esta nova iniciativa que, ofrecerá catro concertos promovidos por Art Music, co apoio da Xunta de Galicia e Xacobeo 21-22. Polo Palexco pasará a xira acústica de Heredeiros da Crus; mentres que Ortiga presentará alí o seu segundo traballo, "Sabes el camino que elegí". En Vigo será no Teatro Afundación onde terán lugar as dúas actuacións de Andrés Suárez (sábado 27) e Guadi Galego (domingo 28), presentando o novo disco 'Costuras'. As entradas para os catro concertos de Porto Maresía estarán á venda en Ataquilla.com a partir de hoxe.