Eva Piay faise co Premio Pura e Dora Vázquez de ilustración

O seu traballo ilustrará a obra O clube de coleccionistas de selos que levou o galardón de narrativa

O traballo que a ourensá Eva Piay Fernández realizou para a obra O clube de coleccionistas de selos valéronlle facerse co XVIII Premio Pura e Dora Vázquez na modalidade de ilustración. A Deputación de Ourense daba a coñecer este seis de outubro o fallo deste galardón, dotado con 1.500 euros de premio e a publicación da obra que recolle o texto gañador da modalidade de narrativa, da autoría de Pablo Nogueira Campo.

O xurado valorou das ilustracións gañadoras "a súa coherencia co texto gañador, permitindo unha lectura visual moi clarificadora para o público infantil", así como "os seus amplos planos que dan lugar á imaxinación, ofrecendo panorámicas e contextos diversos, e que representan perfectamente a idea da diversidade que ofrece a narración".

O comité de selección estivo presidido pola deputada de Cultura da Deputación de Ourense, Patricia Torres, actuando como secretaria Ana Malingre, e como vogais David Canda Castro, Antón Alonso Suárez, Xosé Antón Dorrío Vázquez e Isabel Mociño González.