A Bienal de Vila Nova da Cerveira convértese no maior punto de encontro para a arte de Galicia e Portugal

Da Cerveira e da Arte

Cada dous anos Vila Nova da Cerveira convértese durante un mes na capital da arte contemporánea portuguesa. Desde o ano 2003 é tamén un referente para a arte galega. A XII Bienal de Cerveira acolle desde o pasado sábado unha nutrida representación de artistas do noso país e conta con colaboración galaica na súa organización, na busca de constituírse nun punto de intercambio artístico entre os dous países.

Un xeito de trasladar a globalización cara á arte e de amosar a importancia dos intercambios culturais para a creación artística. O pintor Henrique Silva, director da Bienal de Cerveira, pensou que este debía ser o eixe co que conmemorar os vintecinco anos de existencia deste evento. Aínda que a presencia de artistas internacionais xa viña sendo común nesta consolidada cita, a organización tentou dar un novo pulo ao encontro e procurou colaboración en Galicia, facendo dos vintecinco anos da bienal unha celebración artística galegoportuguesa. “O artista e a Globalización, o seu papel coma actor social” é o lema que guía esta edición, que terá os seus pratos fortes ata o vindeiro vinteún de setembro.

Artistas e institucións
A colaboración concretouse hai xa un ano ao se asinaren diferentes convenios co Museo de Pontevedra, a Facultade de Belas Artes desta mesma cidade e o Centro Cultural de Ourense. A raíz destes acordos, tanto a facultade coma o centro iniciaron un proceso de selección entre artistas galegos, seleccionando respectivamente oito e once creadores. Nomes coma Loreto Blanco Salqueiro, Isabel Rueda, Yolanda Herranz, Manuel Quintas, Antón Buciños ou Acisclo Novo entre outros enviaron dúas obras á mostra colectiva que acolle desde o sábado a vila miñota. Ademais, o Centro Cultural ourensán tamén colaborou na posta en marcha da exposición-homenaxe a Nadir Afonso, un artista nacido en Chaves, en plena Raia Seca. Logo do peche da bienal, entre novembro e decembro esta mesma mostra achegarase ata o museo de Pontevedra, para continuar despois camiño ata Lisboa. A presencia de autores galegos na mostra é máis destacable aínda se temos en conta que foron vinteoito os artistas portugueses convidados ao encontro.

Visitas
Ademais de achegar obras, e seguindo unha tendencia xa habitual no evento, son moitos os artistas galegos que visitan Vila Nova para participar nas diferentes charlas, conferencias e obradoiros que se celebran ata finais de agosto. Experiencias con arte electrónica, gravado, cerámica, pinturas ou resinas contarán coa presencia de galegos que se desprazan ao evento, e mesmo un dos coloquios previstos versará sobre a situación da arte en Galicia e en Portugal e as posibilidades que teñen os novos artistas nos dous países. Ademais de artistas, tamén serán moitos os afeccionados desta banda do Miño que cruzarán o río para ver as numerosas exposicións.

Desde Cerveira para o mundo
Ás obras destes dezanove artistas galegos súmanse no evento obras doutros 197 creadores chegadas de todos os recantos do mundo. Ata uns noventa países de Europa, o mundo lusófono e mesmo de lugares tan afastados coma Iemen, Xapón ou Estados Unidos achegan algún dos seus creadores a un evento que se consolida e destaca “polo papel que ten desempeñado no apoio a novos artistas e na divulgación da Arte Contemporánea tanto en Portugal coma en Europa”, sinalan desde a propia organización. Ata vintecinco mil persoas se achegaron na edición do 2001 a coñecer as últimas tendencias artísticas a esta pequena localidade. Con estas cifras no é de estrañar que os promotores estean satisfeitos por ter acadado o obxectivo de descentralización cultural co que naceu o evento hai xa un cuarto de século, e por facer de Vila Nova un referente mundial na arte contemporánea.

Pontes que resisten
A presencia galega na mostra non quedará reducida a esta única ocasión. Desde a organización xa sinalaron o seu interese en manter tendidas as pontes e en seguir “identificándose con Galicia nunha mesma cultura”. Deste xeito, preténdese que continúe o traballo conxunto a nivel de organización e que se manteña unha presencia estable de artistas galegos, dándolle un rango de oficialidade á habitual e masiva visita de autores do noso país que se achegan á bienal desde o seu comezo. Vila Nova está así chamada a constituírse nun centro artístico común entre Galicia e Portugal.