City of Agra
"O meirande evento cultural dedicado a un naufraxio en Galicia", así preséntase o conxunto de actos preparados para conmemoración do naufraxio do barco City of Agra, ocorrido fai 124 anos en Arou (Camariñas) e que terán lugar nesa localidade e na veciña Camelle, onde foron soterradas as vítimas do suceso no seu camposanto. Aínda que o evento estaba preparado para coincidir coa efeméride, en febreiro, tivo que ser adiado. Os vindeiros 15, 16 e 17 de outubro a Asociación Naufraxios Galegos, en colaboración co Concello de Camariñas, a Asociación de Veciños de Camelle 'A Pergoliña' e a Confraría de Pescadores de Camelle teñen preparado un completo programa de actividades que une o histórico da efeméride e a cultura mariñeira co turístico nestas localidades da Costa da Morte.
Malia que desde o 2 de outubro estará aberta unha exposición fotográfica no Museo MAN de Camelle, o día 15 de outubro comezan as actividades coa apertura da carpa que acolle a Feira Mariñeira. Durante a xornada desenvolverase unha visita guiada á exposición fotográfica e terá lugar o comezo do concurso de tapas, que se celebrará os tres días. que ten coma especificidade o uso nas receitas das especias que transportaba o City of Agra, que facía ruta entre Liverpool e Calcuta e cuxa tripulación era maiormente hindú. O programa inclúe tamén un roteiro animado dos náufragos do City of Agra, con punto de partida no miradoiro de Lobeiras, en Arou, fronte ao lugar do desastre, e con remate no Campo Santo de Camelle. A carpa da Feira Mariñeira acollerá varias actividades relacionadas coa cultura mariñeira. O completo programa inclúe o toque de alerta da campá orixinal do barco, hoxe na igrexa do Espírito Santo de Camelle e unha "arribada dos náufragos", así coma un acto simbólico de recepción de autoridades aos náufragos salvados polos mariñeiros de Camelle e Arou, e posterior entrega de medallas aos seus patróns polo Cónsul británico.




