O III Camiño Escena Norte ofrecerá en Galicia nove funcións en oito localidades

Seis compañías galegas participarán con actuacións ou estancias en Asturias e País Vasco

Seis compañías galegas participarán con actuacións ou estancias en Asturias e País Vasco
Presentación na Cidade da Cultura do III Camiño Escena Norte Fonte: AGADIC
'Camiño Escena Norte', o programa de intercambio cultural de teatro e danza con Asturias, Cantabria e País Vasco, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia. O vindeiro 12 de setembro arranca esta nova edición que, baixo o lema 'Volver camiñar', percorrerá o Camiño do Norte ata o 10 de outubro para ofrecer nove funcións en Arzúa, Lugo, Melide, Mondoñedo, Ribadeo, Santiago de Compostela, Sobrado do Monxes e Vilalba. As compañías Elefante Elegante co espectáculo Dreaming Juliet, Tanxarina Títeres con A galiña azul e Nova Galega de Danza con Leira foron as seleccionadas para representar a Galicia con actuacións, obradoiros e encontros co público en Xixón, Mieres, Potes, Torrelavega, Castro Urdiales, Santoña, Santander, Eibar e Mutriku. A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago acollerá a representación de peche desta edición.

O programa de exhibición de espectáculos, denominado Itinerario Constelacións, é o eixo vertebrador da programación, que partirá e finalizará en Santiago de Compostela. Así, o calendario de representacións arrancará o vindeiro día 12 na praza da Quintana para continuar percorrido durante setembro por Mondoñedo o día 18, Lugo o 19, Ribadeo e Arzúa o 25 e Melide o 26, mentres que en outubro haberá actuacións en Vilalba o día 1, Sobrado dos Monxes o día 2 e, como peche, no Salón Teatro de Santiago o día 10. Durante esta viaxe, ofreceranse nove funcións de sete espectáculos chegados desde Asturias (Abre el ojo, de A66 Producciones, e Amalgama, de Meraki Cía.), Cantabria (La casa de Bernarda Alba, de Anabel Díez e El Tejo Producciones; La naturaleza del silencio, de Babirusa Danza, e Olivia y las pluma, de La Machina Teatro) e País Vasco (Ikimilikiliklik. Mi pequeña, de Marie de Jongh, e Lloviendo ranas, de Ados Teatroa).

Como en anos anteriores, Camiño Escena Norte desenvolverá tamén unha serie de actividades paralelas, entre as que sobresaen o programa Cruzamentos de catro estadías artísticas en cada unha das comunidades participantes. No caso de Galicia, a Cidade da Cultura e o Auditorio Municipal de Negreira acollerán a residencia de intercambio entre a compañía galega Licenciada Sotelo e a cántabra Babirusa Danza. Ao tempo, as galegas Ibuprofeno Teatro, Caramuxo Teatro e Pedras de Cartón están convidadas a participar noutras estancias en Asturias e País Vasco. Ademais, o Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo acollerá por segundo ano consecutivo o encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar do 14 ao 16 de setembro.

A Cidade da Cultura foi hoxe o escenario da presentación deste III Camiño Escena Norte, na que participaron Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega, promotora desta iniciativa conxuntamente coas asociacións profesionais de empresas de produción escénica das outras tres comunidades implicadas. Interviñeron, así mesmo, Diego Vázquez Meizoso, coordinador do proxecto e xerente da devandita asociación, e os representantes doutras entidades das entidades colaboradoras e patrocinadoras, ademais das compañías galegas participantes.