O II Camiño Escena Norte celebrarase entre setembro e outubro

A Mostra de Teatro Galego de Cariño anuncia as datas da súa XLII edición

| Santiago. Redacción | Seccións: Espectáculos
Compartir:
Imaxe promocional do Camiño Escena Norte 2020

Imaxe promocional do Camiño Escena Norte 2020

Aos poucos, e logo do confinamento pola crise sanitaria, o calendario escénico do ano comeza a tomar forma. Deste xeito, a segunda xeira do proxecto de intercambio escénico Camiño Escena Norte ten xa novas datas de celebración. A Xunta de Galicia e a organización deste programa asinaban o pasado 10 de xullo o convenio polo que o Goberno Galego participa deste encontro canda a Asturias, Cantabria e País Vasco. Entre o 13 de setembro e o 11 de outubro Mondoñedo, Lugo, Ribadeo, Sobrado dos Monxes, Vilalba, Arzúa e Compostela acollerán oito funcións a cargo de compañías asturianas, cántabras e vascas ademais das actividades paralelas do Camiño Expandido. Como contrapartida, dúas compañías galegas levarán os seus traballos a escenarios das outras comunidades participantes.

Tamén a histórica Mostra de Teatro Galego de Cariño anunciou as datas da que será a súa XLII edición. Aínda pendente de dar a coñecer o seu programa, o concello adiantou que o encontro se desenvolverá entre o 9 e o 21 de agosto a adaptar o seu formato ás medidas de seguridade derivadas da Covid-19. Así, as funcións de rúa desenvolveranse en recintos delimitados e con reserva previa, o auditorio só se empregará á metade da súa capacidade e será obrigatorio o uso de máscara durante toda a función.

Que che parece esta nova?
70 lecturas 0 reaccións

Cando valoras a nova, culturagalega.gal aprende para ofrecerche a ti e outros usuarios con gustos afíns máis contidos de interese.

Do mesmo ámbito

Universos

Explorar o Universo desta nova

Descobre máis noticias relacionadas con Teatro, Goberno Galego, Xunta de Galicia, Cantabria...