Camiño Escena Norte ofrecerá oito funcións e organiza un encontro profesional e unha exposición

A segunda edición deste proxecto de intercambio cultural que une Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi comezará o 13 deste mes

A segunda edición deste proxecto de intercambio cultural que une Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi comezará o 13 deste mes
Presentación da programación na Praza do Obradoiro coa presenza de Juan Rodríguez, presidente de Escena Galega ; Diego Vázquez Meizoso, coordinador de Escena Norte ; e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), alén das compañías implicadas.
O corredor cultural interterritorial das artes escénicas Camiño Escena Norte está de volta para unha segunda edición que pretende consolidar unha iniciativa pioneira de intercambio cultural e escénico entre Galicia, Asturias, Cantabria e Euskadi. A programación en Galicia terá lugar do 13 de setembro ao 11 de outubro con oito funcións e seis espectáculos chegados das outras autonomías que, á súa vez poderán gozar de dúas obras galegas. Outro dos eixes fundamentais desta edición será o encontro de convivencia profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo do 15 ao 17 de setembro. Esta actividade, dirixida a compañías de artes escénicas e axentes profesionais do sector de calquera das catro comunidades implicadas na iniciativa. Alén dos espectáculos e do encontro profesional, Escena Norte achega actividades paralelas co nome de O Camiño Expandido, que inclúe unha exposición titulada Ultreia. Que foi Camiño Escena Norte 2019? do 14 ao 30 de setembro na Biblioteca Pública Ánxel Casal, e tamén encontros online coas compañías participantes, para profesionais e abertos ao público, ademais de actividades de mediación arredor dos espectáculos que se programan

Camiño Escena Norte é un proxecto artellado arredor dun novo itinerario de intercambio cultural que toma a ruta histórica do Camiño de Santiago do Norte como referencia para unha intensa programación escénica, expandida ademais nos eidos das sinerxias sectoriais, a mediación co público ou a reflexión. Santiago acollerá o inicio e a fin desta edición e a caravana Escena Norte pasará tamén por Mondoñedo (19 setembro), Lugo (20 setembro), Ribadeo (25 setembro), Sobrado dos Monxes (27 setembro), Vilalba (4 outubro) e Arzúa (10 outubro). Son oito funcións e seis espectáculos: Quitamiedos, de Iñaki Rikarte (Kulunka Teatro, Euskadi); Tal vez soñar, de Sandro Cordero (Hilo Producciones, Cantabria); La loka historia de Frankenstein, de Pep Vila, Anacelia Álvarez y Roca Suárez (ACAR Teatro del Mundo, Asturias); Amarillo caído del cielo, de Juan Carlos Fernández Izquierdo (Ruído interno, Cantabria); Celeste, de Chantal Franco e Patricia Toral (Luz, Micro y Punto, Asturias); e Basoa (Dantzaz, Euskadi). Mentres en Galicia poderemos ver estes espectáculos astures, cántabros e vascos, dúas compañías galegas amosarán as súas últimas producións nestes territorios: elas son La Macana, con Pink Unicorns, que poderá verse en Gijón, Villaviciosa, Torrelavega e Mutriku; e La Quintana Teatro, con Desde lo invisible, en Navia, Oviedo, Laredo e Castro Urdiales.


Camiño Escena Norte, o proxecto

Camiño Escena Norte xorde co obxectivo de coñecer máis e mellor aos nosos veciños e veciñas, dando a posibilidade ao público de ter acceso a producións escénicas doutros territorios ás que doutra maneira non accederían. Aproveitando esta ruta cultural e histórica que nos une dende hai séculos creamos un novo camiño de cultura con espectáculos de teatro e danza, encontros, obradoiros, xornadas ou residencias de creación, no que mostrar a diversidade cultural, lingüística e de formatos e linguaxes escénicas da produción galega, asturiana, cántabra e vasca.

Nesa sentido Habitación Peregrina PRO pretende ser un espazo de convivencia profesional onde o cento de compañías que abarcan as asociacións promotoras (Escena Galega, EscenAsturias, Acepae e Eskena), máis todas aquelas do sector que queiran unirse á actividade, poidan entrar en contacto, coñecer as súas liñas de traballo e propostas estéticas, coñecer a realidade dos distintos circuítos de programación, explorar vías de coprodución e traballo conxunto e acceder a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

Este proxecto está promovido polas asociacións de produtoras escénicas de cada unha das autonomías implicadas: Escena Galega, EscenAsturias, ACEPAE (Cantabria) e Eskena (Euskadi). Está apoiado en Galicia pola Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña, a Deputación de Lugo e o Concello de Lugo, ademais do INAEM e o Ministerio de Cultura e Deporte.