Fábrica de Espejos presenta 'Mundo incerto'

A formación chantadina reúne no seu primeiro LP unha mostra calidoscópica das súas influenzas

Tras dous EP, en 2018 e 2019 o grupo chantadino Fábrica de Espejos presenta o seu primeiro traballo longo Mundo Incierto (Ferror Records/Facela, 2021). A banda formada por Leticia Iglesias (voz), Isaac Ferreiro (voz, guitarra), Alex Pacheco (baixo), Hum Novoa (guitarra) e Ángel Novoa (bases electrónicas) ofrece neste traballo gravado con Arturo Vaqueiro á produción en Abrigueiro (Friol) 11 temas que poden ser moi diferentes entre si ao pasar con naturalidade de sonoridades da música electrónica e synth pop a ritmos acústicos máis rock ou folk. O traballo manten como nó de coherencia as súas letras e a cadencia vocal nostálxica e case onírica de Leticia Iglesias atravesando un disco de referencias e influenzas recoñecibles, desde os anos 80 ate agora mesmo, que a banda lonxe de negar ofrece brillantemente pasadas polo seu propio saber facer.

Este calidoscopio que é Mundo incerto reúne tamén letras poéticas, emocionais, nostálxicas e mesmo abstractas que encaixan moi ben nesa cadencia lenta e que dun xeito que nos retrotrae no tempo a outras formacións da psicodelia independente, non buscan o protagonismo da canción senón a súa propia contribución no resultado final. Mundo incerto preséntase coma un paso adiante da formación, dado con certa ambición de amosarse ante a escena musical. O videoclip de La Fiesta foi o primeiro adianto deste traballo. O disco péchase cun prometedor Continuará que agardamos que sexa unha promesa de futuro da formación. A banda está este verán facendo soar o seu repertorio en directo e esta fin de semana estará actuando, o día 24 de xullo, na súa terra de orixe como parte do cartel do Sacra Festival.