A quinta onda ameaza aos eventos musicais

As novas medidas condicionan a celebración coas cifras de incidencia do día de celebración

As novas medidas condicionan a celebración coas cifras de incidencia do día de celebración
Portamérica 2018 Foto: S.Montes
O Diario Oficial de Galicia ven de publicar este venres pola tarde unha nova edición (bis) que corrixe a orde exactamente anterior da Consellería de Sanidade respecto da celebración de eventos musicais ao aire libre. Segundo a anterior orde, publicada o xoves, a celebración de eventos musicais ao aire libre tiña un amplo marxe de incertezas ao quedar no aire ata o último momento para moitos casos ao condicionar taxativamente a súa celebración á cifra de taxas de incidencia acumulada de contaxios do mesmo día do evento. Segundo o texto da Consellería de Sanidade publicado o xoves unicamente se podían celebrar espectáculos musicais ao aire libre cun número de asistentes superior a mil persoas, nos concellos clasificados con nivel de restrición media-baixa e sempre e cando o mesmo día do evento as taxas de incidencia acumulada a 7 e 14 días na Comunidade Autónoma de Galicia sexan menores a 75 e 150 casos por cada 100.000 habitantes respectivamente. Nos concellos con nivel de restrición alta ou media só poderían, segundo esas directrices iniciais, levarse a cabo eventos de menos dun milleiro de asistentes, cincocentos no caso daqueles de restrición alta como agora mesmo son: A Illa de Arousa; Cambados; Sarria; Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Na correción publicada este venres sinálase concretamente o parágrafo relativo a estes espectáculos, quitando calquera condicionamento relativo ás taxas da propia orde e sinalando a outro documento de protocolos situado nunha páxina web habilitada a tal efecto, e con documentación e indicacións non fixadas no DOG, como referencia final para a celebración dos eventos. A corrección deixa o parágrafo anteriro do seguinte xeito: "5. Aos espectáculos musicais ao aire libre con público sentado ou con público de pé seranlles de aplicación os protocolos publicados no seguinte enderezo electrónico: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Espectaculos-musicais-aire-libre". Nesta web de referencia especifícanse con detalle protocolos e diferentes capacidades dos concertos e eventos segundo as circunstacias xerais e concretas de cada concello. No relativo á prohibición da súa celebración o documento aumenta considerablemen as cifras que contemplaba a anterior orde deixando deste xeito ese suposto de cancelación: "Non se pode realizar o evento se o concello está en nivel de restrición alta o máxima, ou a incidencia acumulada na Comunidade Autónoma de Galicia a 7 e 14 días é respectivamente maior ou igual a 125 ou a 250 casos por 100.000 habitantes". A última cifra desta semana sitúa a Taxa de incidencia acumulada en Galicia a 14 días en 122.8 e en 7 días en 83,9, que constata o aumento da gravidade da situación. Recentemente algúns eventos de grande tamaño, como os concertos previstos en Riazor, canceláronse ante a vaga de aumento de contaxios.

Espallamento do Orballo
Dentro das citas con máis intimidade do calendario musical e que non se ven inicialmente afectadas por esas medidas, o ciclo de concertos Orballo Cultural da Costa da Morte ven de engadir unha nova localización e máis artistas á súa proposta dinamizadora do territorio. Así na fin de semana do 31 de xullo e 1 de agosta a Carballeira de Baio acollerá novas actuación musicais deste Orballo como son a banda de ukeleles compostelá Ukestra do Medio, os muradáns The Rapants e os tremendos Monoulious DOP.

Rock na vila
Outras convocatorias a niveld e rúa tampouco están afectadas, como é o caso do ?Rock na vila', o ciclod e concertos que terá lugar na Praza da Ferreiría de Pontevedra os vindeiros días 12 e 13 de xullo. Dentro do programa Cabos Soltos cada día e de balde haberá dous concertos de bandas nese punto da zona vella pontevedresa. Así o luns estarán Río verdugo (20:00 hrs) e The Soul Jacket (22:00 hrs) e o martes será a quenda de The Rebel Spirits e The Funkles, cos mesmos horarios.

Longo prazo
Con todo, hai citas ambiciosas que seguen a mirar para diante e presentar carteis e propostas para datas futuras como é o caso do festival Underfest de Vigo. Entre o 7 e o 12 de outubro esta cita levará a cabo unha nova edición en varios recintos da cidade olívica e coa presentación das súas nobve primeiras confirmacións de cartel xa ven de esgotar os abonos. A cita reunirá, polo de pronto, unha pléiade de artistas da escena alternativa e diversos xéneros musicais entre os que están BFlecha e Margarida Mariño en representación galega e tamén nomes como Toundra, Leifur James, os neiorquinos The Mystery Lights, o proxecto musical de Asier Etxeandia, MASTODONTE; o dúo conformado por María Arnal i Marcel Bagés, a portuguesa Lina con Raül Refree e o regreso a Galicia da Mala Rodríguez.


Actualización: Esta noticia actualizase o sábado, 10 de xullo conforme a unha Corrección de Erros publicada no DOG Núm. 130-Bis, de venres, 9 de xullo, publicado ás 15:00 horas