O aumento de contaxios leva a aprazar eventos por "responsabilidade"

O Festigal e o ciclo de concertos no estadio de Riazor non se realizarán este mes

As cifras actuais de aumento da curva de contaxios na pandemia de COVID-19 están detrás das decisións tomadas "por responsabilidade" desde as organizacións de algúns eventos, previsiblemente multitudinarios, para adialos ou cancelalos por este ano. É o caso do Festigal, o encontro cultural organizado pola sección xuvenil do BNG, Galiza NOVA, coa Fundación Galiza sempre, que ven de anunciar a cancelación por segundo ano consecutivo deste encontro a celebrar na capital de Galicia coincidindo co Día da Patria Galega. Tamén a organización de Riazor Live, o ciclo de concertos anunciado moi recentemente para recuperar o estadio deportivo da Coruña como sede de eventos musicais tras case tres décadas, ven de comunicar a súa decisión de aprazar o evento para vindeiras datas "dada a situación actual de aumento da incidencia COVID-19 na cidade de A Coruña". Os organizadores de Riazor Live xa comunicaron ao Concello a súa decisión de retomar máis adiante, cando as condicións o permitan con total seguridade, este proxecto pensado para reunir ata 4.000 persoas nas gradas do estadio nun ciclo de concertos.