O 24 de xullo o Festigal programa unha gran noite da música en galego

O evento celebrará o Día da Patria en Santiago cunha XXIª edición cargada de cultura galega

O XXIº Festigal reunirá os días 24 e 25 de xullo no Campus Vida de Santiago de Compostela unha ampla lista de actividades para dar a coñecer novas iniciativas artísticas de creadores de Galicia. O evento organizado co gallo da celebración do Día da Patria Galega por Galiza Nova e máis a Fundación Galiza Sempre (ambas vencelladas ao Bloque Nacionalista Galego) ven de presentar o cartel desta vixésima primeira edición e as actuacións musicais que se poderán ver de balde no festival que se celebra na capital galega. Na noite do 24 de xullo actuarán no evento as bandas Fillas de Cassandra, Dios Ke Te Crew e Grande Amore, convocando de seguro a milleiros de seguidores. A banda coruñesa de indie pop, Leria, nada en 2021, será a encargada de abrir esta edición do Festigal como gañadora do concurso Novos Valores do Festigal. Na xornada do Día da Patria Galega, o 25 de xullo, haberá ademais concertos de Escaravellos, O Ravelo e Dj Misa, así como unha presentacións de libros e palestras, postos de artesanía e obradoiros infantís, completando a programación desta festa para todos os públicos que contará con zona de acampada e oferta gastronómica.

Ligazóns