-Reaccións á morte de García-Sabell
DOMINGO GARCÍA-SABELL RIVAS
Por Olga Castro
O apelido García-Sabell non pasa desapercibido para o mundo da medicina, para o da cultura, nin para o da política. E é que Domingo García-Sabell participou activamente nestes tres campos do saber. Soubo compaxinar a medicina (a súa verdadeira vocación), co seu labor a prol das letras galegas durante os difíciles anos de dictadura. E coa chegada da democracia, compatibilizouno tamén con diferentes cargos na política galega. Pero unha personaxe tan polifacética sempre levanta controversias. É por iso que Domingo García-Sabell inspira, entre os seus coñecedores, encanto ou aversión.
O xermolo que fixo desta personaxe o que foi está en Compostela. Alí veu ó mundo o 8 de outubro do 1909, e alí tamén transcorreu a súa nenez e adolescencia. Primeiro, indo e vindo á escola de monxas das Orfas, onde lle inculcaron un profundo sentimento relixioso e onde tamén lle corrixiron unha zurdeira que só esqueceu ó escribir. Logo, cursando o bacharelato, ó tempo que nel espertaba unha inmensa curiosidade por descubrir os segredos da ciencia e, en particular, do corpo humano. Comezada a carreira de Medicina en Compostela, á temperá vocación médica uniuse tamén unha enorme inquietude cultural, segundo el mesmo dixo en varias ocasións, nunha cidade cunha universidade enormemente prestixiosa (...) que para un mozo con inquietudes era o gran modelo. Nestes anos de estudiante, García-Sabell fixo amizade coa xuventude intelectual da época: dende Dieste, Manoel Antonio, Seoane, Fole ou Cunqueiro, ata os xa máis consagrados membros da Xeración Nós.
Co título de médico, García-Sabell marchou primeiro a Madrid e logo a Berlín facer o doutoramento. Na cidade alemana descubriu o pensamento europeo máis vangardista da época, que marcaría a súa liña ideolóxica de por vida. Eu son partidario de europeizar Galicia. A cultura viva está en Europa e o que hai que facer aquí é trasladala sen mimetismos e con acento propio, dixo en varias ocasións. Neste seu vagar polo continente é cando descobre ó filósofo Heidegger e ó literato irlandés James Joyce, que para el serían os dous grandes fitos culturais do século XX.
Despois da guerra
Trala súa volta a Galicia, García-Sabell pensara en dedicarse á investigación da medicina. Pero a guerra do 36 rachou cos seus soños. E rachou tamén cos de todos aqueles mozos de espírito renovador cos que tratara na Compostela dos anos de estudiante. Con alternativas coma a morte, o exilio ou a cadea, non é de estrañar que García-Sabell optase por un silencio público que, sen embargo, soubo aproveitar para reflexionar sobre a realidade social e política na que vivía, para investigar na medicina e para publicar numerosos ensaios sobre a súa profesión.
Malia ós duros comezos da posguerra, non tivo que pasar moito tempo para que García-Sabell entrase de novo do mundo da cultura galega. Fíxoo no 1950, coincidindo co impulso innovador que trouxo para Galicia a aparición da editorial Galaxia. Os seus fundadores, e en especial Ramón Piñeiro, buscaban co proxecto editorial de transfundo político incorporar á causa a algúns dos intelectuais máis sólidos da época. E en lugar destacado estaba o médico García-Sabell. Xurdiu así entre eles unha amizade que o levou a integrarse de cheo nas actividades de Galaxia e a involucrarse ó máximo. Axiña se converteu el mesmo en promotor de xuntanzas entre os máis novos. Na súa casa compostelá da Rosaleda celebrábanse daquela tertulias literarias ás que concorrían novos e vellos escritores da cultura galega. E a eles, con frecuencia, dicíalles: É bo matinar na seitura do porvir. Nunha seitura na que, lado con lado, vós e nós arrimemos o lombo para beneficio da patria. Franco Grande, un dos novos que participaba nos faladoiros, comenta que por estes anos Ramón Piñeiro xa consolidara un grupo intelectual arredor de Galaxia no que figuras como García-Sabell (...) eran as estrelas de máis brillo da constelación, da galaxia. De feito, García-Sabell acabaría por se converter, anos máis tarde, en presidente da editorial.
Pero o de García-Sabell e Ramón Piñeiro foi algo máis que unha amizade. Entrambos sempre houbo un apoio ideolóxico, unha fidelidade que non enfebreceu nin sequera cando dentro da editorial estalou un proceso de combate entre as vertentes culturalista e nacionalista do galeguismo.
Malia estes enfrontamentos, García-Sabell amosou dende os cincuenta unha actitude de compromiso coa cultura galega que culminaría ó ser elixido membro da Real Academia Galega no 59 e ó presidila durante case vinte anos, ata o 96. O seu posterior compañeiro de academia, Franco Grande, ve a entrada de don Domingo como, en realidade, a entrada de Galaxia -ou sexa, en certo xeito a entrada de Galicia- na súa academia, ou polo menos a entrada simbólica da verdadeira, e nova, e vella Galicia nosa.
Francisco Fernández del Riego, un dos seus coetáneos na RAG e que o sucedeu na presidencia, cualifica a García-Sabell coma unha figura representativa, sobranceira no mundo da cultura, á que lle aportou cousas substanciais (...). Foi esta unha contribución fundamental para a cultura galega, pola súa ampla formación e pola responsabilidade intelectual coa que García-Sabell sempre viviu. En canto ó seu labor á fronte da RAG, Fernández del Riego lembra que García-Sabell fixo todo o que puido, tendo en conta que tiña que compaxinar o seu traballo con moitas outras actividades que lle restaban tempo e que non lle permitían ocuparse con máis dedicación ó desenvolvemento da Academia. Aínda así, foi durante a súa presidencia cando se realizaron os primeiros estudios filolóxicos e léxicos do galego e cando se crearon seminarios para o estudio da lingua.
Loita política
Chegada a democracia, García-Sabell loitou pola cultura galega tamén dende o lado
político. Coma el mesmo conta, esa interese pola cousa pública arrincou de dous factores. Por un lado, que o Rei me fixo senador (...). Polo outro, que sendo eu senador real, Ramón Piñeiro me dixo que o que debía facer era intentar galeguizar ó máximo a xente de Madrid. E naturalmente, empregueime niso a fondo. Nos anos da Transición formou parte do partido Realidade Galega e, concluída esta etapa, García-Sabell seguiu ocupando un posto na vida pública ó ser elixido delegado do goberno en Galicia. Ocupou este cargo durante quince anos, do 81 ó 96, nas lexislaturas do PSOE.
Aínda que no 1996 García-Sabell deixou política e tamén a presidencia da RAG, nunca abandonou o seu labor literario e investigador. Seguiu reflexionando e escribindo, deixando sempre a pegada da súa rexa personalidade que lle fixo gañar adeptos e rivais, e que tamén lle fixo gañar, no 1998, o Premio das Artes e das Letras de Galicia . Pero sobre todo García-Sabell constituíu unha ponte, un lazo, un nexo de unión entre as figuras máis senlleiras coas que el tratou nos seus anos de estudiante, e os novos mozos de espírito renovador que frecuentaban a súa casa da Rosaleda para escoitar ó mestre.
Declaracións extraídas de:
-Platas Tasende, Ana María: Conversación con Domingo García-Sabell, en Revista Galega do Ensino, 1995.
-Fernández del Riego, Francisco: A xeración Galaxia. Editorial Galaxia, 1996.
-Franco Grande, Xosé Luís: Os anos escuros, I. A resistencia cultural da xeración da noite (1954-60). Edicións Xerais, 1985.
Fotogalería de García-Sabell
García-Sabell (á dereita) entrou de cheo no mundo da cultura galega no 1950, da man de Ramón Piñeiro. Dende aquela a ambos uniunos unha amizade que só remataría co pasamento deste último no 1990.
Xeración Galaxia: a misión continúa
O labor galeguizador que se desenvolveu na Galicia da posguerra xirou arredor da Editorial Galaxia. Nela publicaron os seus traballos aqueles que máis tarde constituirían a chamada Xeración Galaxia, e que deste xeito lle deron continuidade ás actividades que antes do 36 exerceran os homes da Xeración Nós. Na fotografía, García-Sabell (no medio) aparece con Fole, Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e Otero Pedrayo, entre outros.
Traballo a reo
A editorial Galaxia, como empresa cultural, representou dende a súa fundación o compromiso dos intelectuais galegos co seu pobo. Na fotografía reflíctese unha das primeiras reunións que tiñan os seus membros. García-Sabell é o segundo pola dereita.
Coñecendo o país
Ós intelectuais de Galaxia uníanos un vencello que transcendía o profesional. A miúdo aproveitaban para facer excursións culturais, como esta do ano 1957 na que foron ó Cebreiro, de esquerda a dereita, García-Sabell, Fernández del Riego, Celestino Fernández de Vega, Ánxel Fole e Ramón Piñeiro.
Home polifacético
García-Sabell foi conselleiro da Fundación Fermín Penzol durante moitos anos. Na fotografía, no acto de cesión que fixo Fermín Penzol (o terceiro pola esquerda) da súa biblioteca persoal á Editorial Galaxia, á que encomendou para custodiala e administrala baixo o Padroado da Fundación.
Ensaios na política
De cara ás eleccións autonómicas do 81, García-Sabell, Fermín Penzol, Ramón Piñeiro, Luís Seoane e Marino Dónega constituíronse baixo a formación política Realidade Galega. Na fotografía, a presentación á prensa deste partido.
Libros dunha vida
A García-Sabell sempre lle gustou estar rodeado do saber. Ó longo da súa traxectoria vital foi reunindo milleiros de exemplares que agora quedan na súa biblioteca.
Un percorrido polas obras asinadas por Domingo García-Sabell e mais polos cargos que desempeñou.