Presentación acelerada de concertos cheos de música galega

O ciclo de Atardeceres no Gaiás, o cartel de Revenidas e Loro Facu, Xullo Pop na Coruña e outras citas que aparecen nestes días

O ciclo de Atardeceres no Gaiás, o cartel de Revenidas e Loro Facu, Xullo Pop na Coruña e outras citas que aparecen nestes días
Imaxe de Solpor Monteferro no 2020
A entrada do mes de xullo chegou cun acelerón de anuncios de eventos musicais que completan esa axenda de verán cada vez máis similar á pre-pandémica, canda menos sobre o papel, que no presencial aínda haberá que manter moitas diferenzas. Festivais en diferentes formatos e ciclos de concertos ao aire libre poñen nomes e datas a unha oferta que permitirá gozar da escena musical galega máis que calquera outro ano. Repasamos algunhas das novidades para a axenda de cada un.

Atardeceres no Gaiás
Unha das máis recentes confirmacións chegou desde a Cidade da Cultura de Santiago co anuncio da edición deste ano de Atardecer no Gaiás. Ata un total de 16 concertos ao aire libre coincidindo co solpor os xoves e venres, desde o 8 de xullo ao 27 de agosto conforman este ano o ciclo da Xunta neste espazo. Trap, indie, pop, reggaeton, electrónica folk e música de raíz conforman o cartel que volve buscar o seu papel de escaparate das tendencias musicais actuais. Este ano máis da metade dos grupos que pasarán polo Gaiás son galego como é o caso dos concertos do xoves 8 e venres 9 de xullo cos que botará a andar o ciclo: o pop tropicalista do dúo Tulip e a mestizaxe cultural do cuarteto Helen & Shanna, e que teñen en común que ambos grupos son de Vigo. Ademais deles Caamaño & Ameixeiras, Babykatze, Blanco Palamera e outras formacións galegas compartirán os solpores deste verán no Gaiás con propostas do resto do Estado e mesmo do panorama internacional. Como novidade, este ano os concertos serán de pago a 3 euros por actuación, cuxas entradas sairán á venda proximamente e periodicamente de xeito semanal, a través da plataforma web de ataquilla.com.

Solpor Monteferro
Na procura da conxunción máxica entre a posta de sol e a música está tamén o festival de Nigrán 'Solpor Monteferro', que aproveita este escenario natural ao pé do mar, pera crear esas atmosferas. O evento, pensado inicialmente este fin de semana, viuse afectado pola adversa meteoroloxía e así aos concertos previstos hoxe venres, 2 de xullo, e mañá sábado celebraranse finalmente o 22 e 23 do mesmo mes no Miradoiro de Monteferro. O cartel artístico non prevé cambios e alí estarán as bandas galegas Isius e Eladio y los Seres Queridos no primeiro día, e Roma, Tinta e Bafana Bafana no segundo. O evento conta cun aforo de 500 persoas, que deberán inscribirse previamente.

Xullo Pop
Unha cita a cuberto, sen estar pendentes da caprichosa climatoloxía do verán galego, é a que ofrece o ciclo de concertos 'Xullo Pop', organizado pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 7 e o 9 de xullo no Teatro Colón da Coruña ofrecerá tres concertos de novas formacións galegas emerxentes coas súas propostas novas e arriscadas do xénero pop: Peña, Grande Amore e Chicharrón. O mércores, 7 de xullo, os encargados de abrir o 'Xullo Pop' serán Peña. A banda formada banda formada por Toño Magariños (diola, Unicornibot), Rubén Abad (Cró!, Trilitrate) e Elena Vázquez (Trilitrate) presentará no ciclo o seu Carreiro, LP de debut e as cancións do seu EP 'Fórmula' xunto con algunhas pezas novas, todas elas arranxadas especificamente para o formato. Grande Amore terá a súa quenda o xoves, 8 de xullo presentando tamén o seu disco homónimo de recente lanzamento e por último, a formación Chicharrón actuará no Teatro Colón o venres, 9 de xullo presentando o seu cuarto traballo Unha Fogueira Intacta. Todos os concertos serán ás 20 horas, o acceso será gratuíto ata completar aforo e tamén poderá seguirse en directo a través da canle de Youtube de 'Cultura Deputación da Coruña'. As entradas están dispoñibles en: corunacultura.sacatuentrada.es

Revenidas a cartel completo
Aínda que xa estaba en previsión a súa realización adiada a setembro, non por iso deixa de ser máis que noticiable a presentación do cartel do Festival Revenidas de Vilaxoán (Vilagarcía). Os quince nomes artísticos presentados para pasar polos escenarios da cita sardiñeira arousá do 9 ao 123 de setembro representan una aposta absoluta pola escena musical galega desde unha perspectiva tan variada como o é a propia realidade da música do país, e ademais cunha capacidade para configurar un cartel dos máis igualitarios en xénero que se teñen visto. Tanxugueiras, Los Rastreadores, Verto, Laura LaMontagne & PicoAmperio, , Ciudad Jara, Los Chikos del Maíz, A banda da Loba, Guadi Galego, Boyanka Kostova, Xabier Diaz, Talco, Zoo, Mounqup, A Rabela e Monoulious DOP conforman un cartel para encher Vilaxoan nunha edición que será moi especial desta cita capaz de manterse e reinventarse con criterio. As entradas sairán á venda proximamente.

Canteira fest, Loro Facu e outras citas
Os días 17 e 18 de setembro, Vilaboa (Pontrevedra) recuperará o seu Canteira Fest, cancelado o pasado 2020. O cartel desta edición "desconfinada" inclúe a Verto, A Rabela, Pauliña, Cuarta Xusta, Bravatukas, O Gato de Chesaire, Lisdexia, Zeltia Irevire e Paula doCampo DJ, ademais do resto do programa paralelo. A capacidade estará limitada a 1.000 persoas. Eminentemente galego resulta tamén o cartel do festival Loro Facu de Miño, presentado esta semana. Esta cita na localidade coruñesa para os días 23, 24 e 25 de xullo estará encabezada polo dúo Bala, que veñen de sacar un potente novo disco , 'Maleza'. Tamén están no cartel Grande Amore, Grima, mascada, Ortiga, Syberia , Turbo Kraks, Viuda Wasted Wiltons e Yawners. Con perfil similar a este festival alternativo, o Fa Ce La Fest de Lugo presentará este mesmo fin de semana a súa vindeira edición, a quinta a celebrar os 27 e 28 de agosto, con dous concertos no Club Clavicémbalo a cargo de Apartamentos Acapulco (hoxe venres) e Fábrica de Espejos (sábado). En coincidencia coa data, 28 de agosto, celebrarase tamén o SilFest de Valdeorras, segundo se comunicou esta mesma semana, un avance ao que seguirá máis tarde a a presentación da súa programación..