O grupo Rompente reúnese da man da editorial Elvira

Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño presentan Que hostia din os rumorosos? e anuncian unha xira

Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño presentan <i>Que hostia din os rumorosos?</i> e anuncian unha xira
Este 11 de xuño de 2021 queda para a historia da literatura galega como a data na que o Grupo de Comunicación Poética Rompente, referente da poesía galega nos anos 70 e 80, volta a escena. A Editorial Elvira presentaba neste día, nun encontro con medios durante a mañá e nunha presentación ao aire libre onda a libraría Librouro de Vigo o novo lanzamento deste colectivo. Que hostia din os rumorosos? é o título da obra coa que Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño retoman a iniciativa de creación colectiva que botaran a andar xa en 1975.

A nova publicación, segundo explicou Reixa e recolleu Europa Press, inclúe poemas inéditos "nun 90%" e complétase con textos do colectivo publicados en catálogos de exposicións e programas de man. O volume articúlase en catro partes que corresponden con cadansúa obra dos autores. Así, Manuel Romón asina Derrotas, Alberto Avendaño achega Carallo29! e Antón Reixa participa con Room Service, aos que se suman un cuarto apartado chamado "Rompentres", con creacións colectivas, e mais un prólogo de Julián Hernández.

O lanzamento conta coa participación de Antón Patiño e Menchu Lamas, antigos colaboradores do grupo, que se encargan do deseño, fotografías e aspectos plásticos da nova obra. O acto de presentación contará ademais coa presenza de Julián Hernańdez e Xabier Romero, que acompañarán con música a proposta poética.

A coincidir coa presentación, Rompente anunciou unha xira de recitais que os levará, co apoio do Xacobeo, por oito localidades de país, a apostar polo formato multimedia no que o grupo foi pioneiro no noso país e acompañando a poesía con música e vídeo.

Segundo lembra a editoria Elvira, a aposta de Rompente "consistía en levar a poesía a rúa e facer edicións moi persoais das súas obras, cunha estética moderna e rompedora" empregando a miúdo o formato de fanzine audoeditado e cunha grande aposta pola mestura de artes. O grupo disolveuse en 1983, con algunha aparición esporádica posterior, a máis recente no Festival Kerouac de 2019.