Cando Cabanillas se quitou anos

O novo museo de Ramón Cabanillas en Cambados actualiza a imaxe e a memoria do escritor

O novo museo de Ramón Cabanillas en Cambados actualiza a imaxe e a memoria do escritor
Unha parede con catro palabras de Cabanillas na gran sala. Foto: Pepe Barro
Se un escritor ten un universo de palabras, como se fai para levalo a un museo? O recoñecido deseñador Pepe Barro cóntanos o proceso de construír case desde cero unha proposta expositiva, reinventando a figura de Ramón Cabanillas. Un proceso que vai desde desmontar vellas museografías de atrezzo e simulación ata reinventar a imaxe pública do poeta que chega ata nós. Falamos con Barro para coñecermos en detalle o proxecto.


Como acontece con moitos museos biográficos, cando os visitantes acudían á casa natal do poeta Ramón Cabanillas (1876-1959), en Cambados, entraban nun escenario que moi pouco tiña de real. "Todo era falso, era atrezzo e simulación", sinalaba Pepe Barro, "mesmo a súa famosa pucha, coa que aparece na foto de velliño. Eu pedina para levar á exposición que fixen sobre a Real Academia Galega e non era a de verdade!". Eran museos dun tempo no que a relación cos suxeitos famosos plasmábase a través dos obxectos que daban conta da súa vida, como fetiches. "Aconteceume igual cando musealicei a casa de Rosalía", explica Pepe Barro.


A mesa do escritor coas doce palabras. Vídeo: Pepe Barro

Naquela recreación da casa natal de Ramón Cabanillas só había dous obxectos reais: "un costureiro precioso e a mesa de escritorio". Hoxe, a mesa na que o autor compuxo o seu poema Samos atópase no espazo central do novo museo dedicado ao poeta no paseo da Calzada. "E mesmo cando estabamos montando a sala, unha das señoras da limpeza preguntoume pola máquina de escribir. Que máquina de escribir? Tamén era falsa! Hai que andar con moito tino porque logo os discursos que calan na xente acaban por crear lecturas falsas". Sobre a mesa de Cabanillas proxéctase as doce palabras que Barro seleccionou, das lecturas do poeta, para tratar de deconstruílo e amosar a súa pluralidade persoal. Súmanselle "poeta, galego, desterro, escena, prelo, fouce, familia, fe, Cambados, 'irmáns', sempre". Cada unha delas asociada a unha imaxe con moita luz "para que Cabanillas nos reciba como o que é, un poeta luminoso".


Panorámica da gran sala. Vídeo: Pepe Barro

Barro fixo un traballo na procura de imaxes que permitira ser asociadas con esas palabras, pero tamén para representar, nunha liña do tempo construida a partir dunha parede de retratos que lembra ás paredes memorables das casas burguesas e dos pazos, un itinerario vital de Cabanillas.


Pormenor da vitrina Desterro > Reprodución do libro No desterro (RAG). Foto: Pepe Barro

Un Ramón Cabanillas que ten dúas ópticas ou máis ópticas distintas en función do visitante, desde o público local ata o galego ou os que proceden de fóra. A opción adoptada privilexia a lingua galega e a conexión coa comunidade local. "Pensa, por exemplo, nunha foto de grupo na que aparece el. Para un visitante externo non lle interesa moito a identidade do resto dos participantes, pero nun museo de Cambados debemos mencionalos a todos, porque poden identificar con máis facilidade aos integrantes", explica Barro. É nas audioguías do museo (aínda non implementadas) onde o discurso se adaptará aos visitantes foráneos, explicando aspectos do poeta que son implícitos para un visitante cambadés ou galego.


Detalle da liña do tempo. Vídeo: Pepe Barro

O poeta tamén rexuveneceu nesta transformación. Os lectores máis veteranos lembrarán a imaxe icónica de Ramón Cabanillas: un velliño coa pel moi enrugada, vestindo a tradicional pucha negra. Para este Museo, Pepe Barro escolleu unha fotografía de Pacheco, no que se aprecia ao poeta, elegantemente vestido, de chapeu, na súa madurez. "Non querían a imaxe dese vello xubilado á beira do mar", indica Pepe Barro, "que aínda se empregou en 2009 para facerlle un monumento en Cambados". A nova imaxe seleccionada foi remitida por Cabanillas, no seu tempo á familia, a amigos e admiradores. "Vai dedicada e faise mesmo un gravado para xornal", sinala Pepe Barro, "é un Cabanillas maduro, en pé, sereo e luminoso".


A "capela", coa máscara fúnebre do poeta e o estoxo coa súa coroa de loureiro. Foto: Pepe Barro

Nas vitrinas do museo hai poucos obxectos vinculados biograficamente con Cabanillas, pero son moi relevantes. O Museo de Pontevedra cedeu un estoxo de ebanistería coa coroa de loureiro coa que foi coroado o poeta en 1958, e a máscara fúnebre que lle realizou o seu amigo Asorey. A Real Academia tamén achegou unha medalla histórica de membro numerario da entidade, que pertenceu posiblemente a un dos membros fundadores, entre outros obxectos. O novo espazo de memoria sobre Ramón Cabanillas non esqueceu o vello inmoble que o viu nacer, no que están depositados os fondos vinculados ao poeta para a consulta dos investigadores. E, se cadra, unha pucha que xa non ten dono.