Unha vintena de localidades conmemoran 25 anos sen Lois Pereiro

O Ateneo Casino de Monforte promove a homenaxe simultánea este 5 de xuño

Este ano cúmprense 25 anos do falecemennto de Lois Pereiro, poeta homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2011. A conmemorar o autor, o Ateneo Casino de Monforte, a súa vila natal, organizou para o vindeiro 5 de xuño ás 12:30 un acto expansivo de homenaxe que se desenvolverán por vinte vilas e cidades do país e mesmo en Barcelona.

Segundo apuntan desde o Ateneo, "os actos terán distintas características en función dos lugares ou
organizadores, dende os máis simbólicos aos máis festivos, máis solemnes ou máis punkies", e contarán coa participación dun cento de nomes da cultura do país.

Nos programas atópanse recitais abertos como os que desenvolverán no cemiterio do Viso (O Incio) ou na Casa dos Poetas de Celanova, lecturas musicadas como as que prepara a Fundación Vicente Risco de Allariz ou o vermut poético musical de Carballo, ou mesmo a proxección dun filme de David Lynch que se desenvolverá na Casa da Cultura de Ourense. Na Coruña haberá tamén intervencións sobre o autor a cargo de Xurxo Souto ou Xosé Ramón Pereiro, e Lalín, Salcedo ou a libraría Paz de Pontevedra acollerán cadansúas actividades dentro desta iniciativa.

Listado das homenaxes a Lois Pereiro
Listado das homenaxes a Lois Pereiro


O Ateneo Casino está a desenvolver ao longo deste ano diferentes actividades en homenaxe ao seu poeta e veciño. As vindeiras propostas serán un obradoiro de escrita creativa impartido por Arancha Nogueira o vindeiro 6 de xuño e un encontro galego de postcrossing o día 12.

Ademais, chama a toda a sociedade a compartir nas redes sociais os seus tributos ao autor co cancelo #LP25anos. A canle de Youtube da entidade está a compartir xa unha serie de vídeos cunha trintena de intervencións deste tipo baixo o título "A luz de Lois".