Catro arquitectos de sona erguen os seus proxectos persoais na vila costeira de Corrubedo

Trabes e fiestras entre as dunas

Son os últimos 25 anos da historia da arquitectura comprimidos en proxectos persoais. Un contorno espectacular pero tamén insólito: Corrubedo, no concello coruñés de Ribeira. Catro arquitectos de sona empregaron o espacio aberto e oceánico para faceren as súas vivendas de descanso cos proxectos que soñaron para si mesmos e que reúnen a esencia do seu estilo. A pequena vila mariñeira convértese nunha das capitais galegas da arquitectura contemporánea.

Manuel Gallego, Iago Seara, Estanislao Pérez Pita e David Chipperfield son veciños da parroquia de Corrubedo, no Concello de Ribeira. Alomenos nos seus tempos de descanso. Os catro proxectaron e construíron as súas segundas vivendas nas rúas e nos campos que rodean a vila de Corrubedo, unha pequena vila mariñeira de 1200 habitantes situada no extremo da península do Barbanza pertencente ao concello de Ribeira. Corrubedo é unha vila pero tamén dá nome ao Parque Natural que abrangue as Dunas costeiras e as lagoas de Carregal e Vixán. Un contorno privilexiado e un espacio natural aberto, de vexetación escasa pero resistente, fortes ventos e clima, moito clima bravo. O resultado é, en palabras dos críticos de arquitectura Jorge Guitián e Xosé Manuel Lens, “unha reserva arquitectónica”.



Manuel Gallego, un nomeado arquitecto autor de obras coma o Museo de Belas Artes da Coruña ou o flamante Complexo Presidencial da Xunta en Santiago, levantou na Pedra do Piñeiro, en Punta Ladeira, unha casa realizada polos albaneis do lugar aproveitando o gran muro de pedra tradicional do terreo nun espacio de horizontes amplos. A casa semella camuflarse: a penas un miradoiro sobre o muro, dándolle as costas aos fortes ventos que barren a zona. O edificio foi levantado en 1971: Gallego foi o pioneiro. O lugar é a delicia dos “urbanitas”. Segundo José Lens e Jorge Guitián, a casa ofrece “unha nova lectura do movemento moderno” na arquitectura que nace dos anos 60.



Moi próxima está a casa de Iago Seara, un activo arquitecto de Santiago que é coordinador da Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega, no seu momento foi director xeral de Patrimonio e realizou obras como a Biblioteca do Parlamento, a sede do Valedor do Pobo ou as vivendas da familia de Adolfo Domínguez. Iago Seara ergueu nas proximidades da casa de Manuel Gallego un espacio residencial para a súa familia coa premisa de adaptación ao medio. Tamén o gran muro do terreo foi restaurado, e as pedras do recubrimento da casa foron escollidas dunha canteira próxima. A casa a penas resalta sobre o contorno, aínda que sempre busca a vista sobre o mar.



Nas Atlánticas


Estes modelos inscríbense no que se chama “arquitectura atlántica”, unha forma peculiar de comprender os espacios. A diferencia da “arquitectura mediterránea”, as casas deste movemento están recollidas en si mesmas, pensadas para seren habitadas intensivamente cando as condicións meteorolóxicas impiden facer vida exterior.


As casas de Manuel Gallego e Iago Seara convertéronse paradoxalmente nunha “reserva arquitectónica”, xa que foron construídas antes da declaración da zona como Parque Natural e, polo tanto, hoxe xa non se poden realizar modificacións no perímetro ou na propia estructura das vivendas. É unha situación diferente das casas de Estanislao Pérez Pita e David Chipperfield.



Se o primeiro restaurou unha casa tradicional dotándoa dun amplo miradoiro sobre o contorno, o edificio Chipperfield introdúcese no medio da paisaxe urbana de Corrubedo: un conglomerado de edificios dos anos 60 na rúa principal da vila e que, na banda oposta, dá á beira da praia. Chipperfield realiza o seu proxecto de segunda vivenda, segundo Xosé Manuel Lens, “nunha linguaxe máis internacional, pero respectando o contorno en que se atopa. A casa de Chipperfield ten vocación de escenario”. O afamado arquitecto inglés rematou no 2002 esta casa integrada no espacio, que, a diferencia das que a rodean, mira sen medo ao Atlántico de enfronte. A revista especializada “Obradoiro” indica que “en lugar de rexeitar as xeometrías que a rodean, a casa incorpóraas na súa propia forma”. O arquitecto leva seis anos veraneando na pequena vila e a casa fala da integración no espacio humano.



Catro miradoiros á paisaxe que reúnen o pensamento arquitectónico de catro arquitectos nos escenarios salvaxes, azoutados polo vento, que Valle-Inclán escolleu para ambientar as súas “Comedias Bárbaras”. Estes catro arquitectos chantaron os seus proxectos máis íntimos, máis persoais, no espacio desértico de Corrubedo. ¿Quen será o seguinte?


Galería: as casas de Corrubedo

Galería: as casas de Corrubedo

Casa de Manuel Gallego

Galería: as casas de Corrubedo

Galería: as casas de Corrubedo

Casa de Iago Seara

Galería: as casas de Corrubedo

Galería: as casas de Corrubedo

Casa de Estanislao Pérez Pita

Galería: as casas de Corrubedo

Galería: as casas de Corrubedo

Casa de David Chipperfield