A matrículas nas universidades soben un 4% o vindeiro curso 2003-2004

A bolsa da universidade

30/7/2003 | Santiago. Redacción | Seccións: Sociedade
6 lecturas | Compartido 0 veces
Longas colas colapsan as unidades de xestión das Universidades Galegas. Hoxe e mañá son os dous días do segundo prazo de matriculación para os que entran na universidade. Unhas matrículas que, segundo aprobou o goberno galego no pasado Consello da Xunta, subirán un 4% neste novo curso, aínda que continúen a ser das máis baratas de todo o Estado español.
Son os paradoxos de ser estudiante. Hai quen non rematou o curso e aínda ten que superar a temida selectividade, hai quen si rematou pero non pasou a selectividade, hai quen xa está matriculado e hai quen aínda está por facelo. Son os diferentes prazos e etapas de ingreso ao sistema universitario galego.



Titulacións pechadas

Unha rede que conta con 3 universidades (Vigo -Uvigo-, A Coruña -UDC- e Santiago -USC-), con sete campus e, neste curso que comezará en setembro, con once novas titulacións. Aínda que ata mañá continúa o período de matriculación, desde a Confederación Interuniversitaria Galega (CIUG) consideran que esta nova convocatoria deixará pechadas as listaxes en varias titulacións: Fisioterapia no campus de Pontevedra; Traducción e Interpretación Español-Inglés en Vigo; Enxeñería técnica en Informática de Sistemas, Xornalismo e Comunicación Audiovisual en Santiago; as enxeñerías técnicas en Química Industrial e en Obras Públicas (especialidade en Transporte Urbano) no campus de Lugo; Enxeñería Informática, Enxeñería Técnica en Obras Públicas (especialidade en Construccións Civís), Fisioterapia e Enfermería na Coruña, e Podoloxía e Enxeñería Técnica en Deseño Industrial en Ferrol.



Ademais das titulacións que non teñen númerus clausus, segundo fontes da CIUG unhas 67 titulacións aínda poderán ofertar prazas para os estudiantes de setembro.



E este segundo prazo de matriculación para as titulacións universitarias galegas deixou tamén un descenso, aínda que mínimo, nas notas de corte das titulacións. Xornalismo (USC) pasou dun 7.66 a un 7.45, Comunicación Audiovisual (USC) dun 7.60 a un 7.54, Fisioterapia (Uvigo) foi dun 7.42 a un 7.40.



Cartos da matrícula

E os que foron pagar as matrículas, e para os que aínda non foron, atoparanse cunha sorpresa. O pasado xoves 24, o Consello da Xunta aprobou un decreto en que se fixan os prezos correspondentes aos estudios universitarios, tendo en conta o límite que establece o Consello de Coordinación Universitaria. E nesa xuntanza acordaron subir o prezo das matrículas un 4%, que era o máximo establecido por ese consello. Deste xeito van xa dous anos en que a Xunta aplica a suba das matrículas (o ano pasado a suba foi dun 1.7%). E esta porcentaxe, en cartos, suporá que os alumnos paguen nas ensinanzas non renovadas entre 24.86 e 17.5 euros máis, se se trata de carreiras técnicas experimentais e ciencias da saúde; ou entre 41 e 29 euros máis nos mesmos estudios pero nas ensinanzas renovadas.



Así, o custo medio de ensino non renovado en Galicia queda en 438.90 euros, pero que, segundo os argumentos esgrimidos polo Goberno, seguen a manter as universidades galegas entre as máis baratas de todo o estado español. E razón levan, o mesmo curso completo en Madrid custa 761.06 euros e en Aragón, por poñer outro exemplo, 744.56. Outra cousa é a comparación que se pode facer coa suba do IPC, porque o aumento está 1.3 puntos por encima do IPC interanual (o referido ao mes de xuño) que é do 2.7%.



Outra das medidas aprobadas nese Consello da Xunta foi a de non aumentar o custo das segundas convocatorias das materias.



Cuestión de financiamento

Ademais de establecer os prezos públicos dos cursos e dos créditos do ano que vén, a Xunta presentou no seu Consello un informe que daba conta dos convenios asinados coas tres universidades galegas, coa Fundación Empresa-Universidade e coas diferentes sociedades ou entidades dependentes das universidades. Uns acordos polos que a Xunta lle concedeu ás universidades preto de nove millóns de euros para investimentos no primeiro semestre deste ano.



O repartimento máis suculento foi para a Universidade de Santiago que recibiu preto de catro millóns de euros; seguida da da Coruña con case 1.9 millóns e da de Vigo con 1.7 millóns. Pola súa banda a FEUGA percibiu un millón de euros.


Universo culturagalega.gal