
O disco segue a tradición do trío de numerar cada un dos seus traballos e segue ao anterior 6 Mulleres na intención monotemática. Neste último álbum, SUMRRÁ fai un exercicio de transcendencia ao coller perspectiva e replantexarse a través da música a propia existencia universal. A través da lista de temas que se inclúen, os tres músicos afincados en Santiago de Compostela miran con novos ollos ao Sapiens sapiens, o Espazo interior que habita dentro de cada un de nós, ou a Ra, o astro Rei, fonte de toda vida. Reflexionan sobre a nosa eterna posición na Periferia Universal, ou á permanente danza das Forzas Gravitatorias. Contan a través da súa música qué foi o que aconteceu 13.700 millóns de anos despois, ou por que son 7 os graos que separan Asuán de Alexandría. Sete temas para sete visións a través dun sétimo disco, así son os Sumrrá e así inician esta tempada.