Yolanda Castaño asina a biografía Xela quixo ser ela

Xerais publica o retrato para público xuvenil da homenaxeada no Día das Letras

Xela quixo ser ela é o título da biografía orientada para público a partir de 11 anos que acaba de publicar Edicións Xerais. Yolanda Castaño asina este lanzamento que atende de xeito particular aos primeiros anos da homenaxeada no Día das Letras Galegas. Segundo adianta a editora, "xa na infancia dunha nena escritora se albiscan os valores que guiarán o seu camiño: queimar vellos prexuízos, desoír expectativas, rebelarse contra as imposicións e non deixarse guiar por modelos de segunda man". Deste esta perspectiva "a biografía de Xela Arias é a aventura radical de chegar a ser unha mesma. Unha muller que deixou a súa pegada na renovación de tres campos: a poesía, a tradución e a edición de libros na nosa lingua; dende a independencia, a sensibilidade e a perspectiva de xénero". A obra de 128 páxinas está á venda por 12,5 euros.