Un historiador iceberg

Repasamos con Emilio Grandío a pegada de Xosé Ramón Barreiro no coñecemento da historia do país

Repasamos con Emilio Grandío a pegada de Xosé Ramón Barreiro no coñecemento da historia do país<br />
"Nada do que aconteceu no século XIX galego, fose na vida social e institucional, fose na cultura e mesmo na biografía das súas figuras máis relevantes, lle foi alleo", así definía o legado do catedrático de Historia Contemporánea da USC Xosé Ramón Barreiro outro catedrático, Ramón Villares, nun recente artigo no web da Real Academia Galega.

A morte de Xosé Ramón Barreiro o pasado 17 de marzo deixou na comunidade cultural unha gran conmoción, xa que a súa figura trascendeu o ámbito do estudos históricos para desempeñar un papel fundamental en institucións como a Real Academia Galega, da que foi presidente entre 2001 e 2010. É precisamente ese perfil poliédrico de Barreiro o que ás veces oculta o seu legado histórico, que os seus colegas de profesión reivindican. Xa rematados os textos de urxencia sobre a súa figura, falamos de vagar con Emilio Grandío, profesor titular de Historia Contemporánea na USC e discípulo de Barreiro, para coñecer máis do seu traballo como historador.

"Barreiro é Barreiro", resume Grandío o seu traballo, "para moitos de nós, a primeira imaxe que tivemos do pasado de Galicia foi a que nos explicou el". Un enorme iceberg intelectual que agachaba cultura, erudición, coñecemento documental ou outra faceta fundamental del, o coleccionismo, cunha enorme biblioteca que tiña repartida polas súas residencias. A imaxe de Galicia xurdida do iceberg callou nas novas xeracións que se foron incorporando á cultura e investigación do país desde os anos 70.

"É Barreiro quen, xunto con Ramón Villares, crea unha Historia de Galicia". O historiador pertencía a unha caste de grandes figuras da cultura do país que ían máis alá da súa propia disciplina e tiñan unha gran capacidade de conexión cun público amplo: "Barreiro tiña a capacidade de comunicar, non só de xeito verbal, senón tamén na súa escrita, unha idea e un sentimento. El entendía este oficio como un compromiso social. O seu traballo debía retornar á sociedade".

Un dos seus ámbitos de especialidade foi o século XIX. "De algún xeito, el cría que todo o que hoxe é Galicia comezaba aí", sinala Emilio Grandío. "El é o grande especialista do primeiro terzo do século XIX galego e español, e o chamado fracaso da revolución industrial", sinala Grandío, "el descubre que moitas veces os grandes descoñecidos na actualidade son os elementos máis conservadores desa sociedade". Deste xeito Barreiro dedicou notables traballos ao estudo do carlismo galego, ou sobre os movementos liberais e absolutistas nesas priemiras décadas do XIX, ou á Guerra da Independencia.

Pero unha característica de Barreiro como historiador é tamén a dificultade para situalo nunha tendencia ou nunha especialidade moi concreta, como é o habitual na historiografía a partir da segunda década do século XX. "A Barreiro movíao sobre todo a curiosidade", sinala Grandío, e iso facía que abordase temas ben diferentes. Desde a historia da Universidade de Santiago ata "os seus últimos traballos, que pasaron desapercibidos, como os movementos obreiros da Coruña durnate a II República".

Barreiro era un historiador que establecía diálogos co pasado. Non é casual que, durante a súa presidencia da Real Academia Galega realizase a biografía máis ambiciosa sobre Manuel Murguía, o primeiro presidente da entidade e fundador da gran narrativa da historia galega. "No fondo preguntábase como un historiador crítico con todo foi capaz de chegar onde chegou Murguía", di Grandío, "e chegou el mesmo".

Unha visión de Galicia nas súas palabras

En abril de 2006 gravamos con Xosé Ramón Barreiro na sede da Real Academia Galega unha serie de vídeos nos que el presentaba ao público de culturagalega.gal as xoias do arquivo da institución. Os vídeos son unha mostra magnífica da capacidade de Barreiro para explicar de xeito didáctico claves da historia do país.

A maleta de Pondal


Cartas de Manuel Murguía ao seu fillo Ovidio


A obra "O mariscal"


Primeira descrición do reino de Galicia


El Heráclito español


As orixes da Real Academia Galega