Os Mestre Mateo 2021 miran cara o mar

Tres das catro finalistas a mellor longametraxe están ambientadas en paraxes costeiras

Tres das catro finalistas a mellor longametraxe están ambientadas en paraxes costeiras
Melania Cruz nunha escena de 'Ons'
A película Ons, de Alfonso Zarauza, parte como favorita cara á XIXª edición dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual, acaparando trece candidaturas finalistas. Seguindo o mesmo criterio A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons acada doce postos finalistas e tamén coincide co de Mellor Longametraxe, galardón ao que opta Lúa Vermella de Lois Patiño e Arima, de Jaione Camborda. Destas catro, tres están ambientadas en paraxes mariñas, ao igual que a serie Néboa que ten ata seis candidaturas finalistas. A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes: Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete, Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e 9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro. Marta Doviro e Amador Arias foron os encargados pola Academia Galega do Audiovisual de dar a coñecer hoxe a listaxe das obras e profesionais finalistas nas 25 categorías dos premios de entre as 146 obras e 424 candidaturas profesionais presentadas.


Ons e A illa das mentiras competirán polos galardóns a mellor longametraxe, dirección, dirección de arte, guión, interpretacións masculinas e femininas protagonistas e de reparto, dirección de produción, vestiario e montaxe. Ons suma candidaturas finalistas a Mellor dirección de fotografía (Alberte Branco) e Mellor son (Sérgio Silva e David Machado), mentres que A Illa das mentiras engade a de Mellor maquillaxe e perruquería. No premio á mellor dirección, alén dos responsables destas dúas producións, están tamén Lois Patiño (Lúa vermella) e Fon Cortizo (9 fugas). As oito candidaturas de El desorden que dejase seis de Néboa, dan boa conta do estado de saúde da ficción seriada producida en Galicia; ámbalas dúas optarán ao premio á Mellor Serie de Televisión xunto con O Sabor das Margaridas finalista en tres categorías, e Auga Seca finalista en dúas.


En masculino e feminino
Os premios Mestre Mateo para actores e actrices protagonistas terán como finalistas no apartado feminino a Inma Cuesta (El desorden que dejas), Isabel Naveira (Néboa), Melania Cruz (Ons) e Nerea Barros (A Illa das mentiras), e a Antonio Durán "Morris" (Ons), Darío Grandinetti (A illa das mentiras), Monti Castiñeiras (A Lei de Santos) e Tito Asorey (Arima) no correspondente masculino. Nos apartados técnicos tanto a listaxe de finalistas a Mellor Fotografía coma de Mellor Son están integramente compostas por nomes masculinos, mestres que as de Mellor Dirección de Produción, Maquillaxe e Perruquería e Mellor Vestiario son completamente femininas. No resto das categorías nominais hai presenza de ambos xéneros.


Mes de promoción ata a gala de entrega
O anuncio de candidaturas finalistas marca o inicio dun mes de promoción do talento audiovisual galego, levando a calquera dispositivo encontros en liña cos que dar a coñecer as peculiaridades dos procesos e dos traballos que fan posible unha obra audiovisual e ademais facilitando a proxección en sala de cinema das obras finalistas. a Academia celebrará, en colaboración co Concello da Coruña, a II Semana do Cinema Galego, na que os espectadores poderán ver en pantalla grande as obras finalistas da presente edición. As proxeccións celebraranse no Teatro Colón da Coruña entre o 25 e o 28 de marzo, e o acceso será gratuíto ata completar capacidade. Este ano, como novidade, despois das proxeccións na cidade herculina, estas viaxarán a outras localidades galegas, nunha aposta pola cultura segura e pola promoción do talento audiovisual galego.


Ademais a Academia preparou un programa de coloquios durante este mes que serán accesibles a través das redes sociais para achegar ao público o audiovisual galego a través dos seus profesionais. A actriz María Mera será a condutora de catro destes espazos. O vindeiro 10 de abril no Teatro Colón da Coruña terá lugar a gala de entrega desta XIXª edición dos premios. A Academia decidiu facer que a celebración sexa presencial, aínda con todas as limitacións necesarias de capacidade, distancia e mobilidade, nunha reivindicación da seguridade dos eventos culturais. Con dirección de Tito Asorey, guión de Manuel Cortes e conducida pola actriz e humorista Lucía Veiga a gala terá tamén retransmisión en directo pola TVG ademais da previa emisión en liña dun programa especial en directo desde a alfombra vermella dos Mestre pola que desfilarán as e os finalistas da presente edición, así como o resto de convidados.