
O Marisquiño leva anos nun tira e puxa polo apoio das institucións que xa ten motivado en anteriores intres que se puxese sobre a mesa a posibilidade de deixar Vigo e Galicia. As dificultades aumentaron tras o accidente ocorrido no ano 2018, cuxas responsabilidades foron obxecto dun proceso xudicial aínda aberto e mesmo dunha Comisión de Investigación no Parlamento de Galicia. O anuncio do abandono de Vigo por parte do festival veu seguido dun anuncio por parte do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, no sentido de asegurar os fondos para o evento se queda en Galicia, así como de movementos locais para acadar a súa celebración noutros puntos da comunidade e fóra dela. De entre os que foron feitos públicos destaca a iniciativa do partido Más por Culleredo, que propón facer o evento no Paseo Marítimo de O Burgo, coa cooperación necesaria entre os concellos de Culleredo, A Coruña e a Deputación coruñesa para atraer alí o festival, un lugar onde consideran que se dan as características técnicas necesarias para o seu desenvolvemento. O feito de que xa este ano se decidise pola organización pasar a facer en Barcelona algunha das probas que organizan de deportes urbanos pode ser un indicador de que o futuro do festival de cultura urbana podería estar fóra de Galicia.