O festival de Cans abre prazo de presentación de obras e aumenta os premios

A organización considera necesario aumentar dotacións como axuda aos creadores no momento actual

12/2/2021 | Santiago. Redacción | Seccións: Audiovisual
22 lecturas | Compartido 0 veces

Foto: Festival de Cans

O Festival de Cans ten xa aberto ata o 16 de maio o prazo para o envío de obras nas categorías de curtametraxes de ficción, animación ou non ficción, así como videoclips, tendo como condición que todas as obras deben ser de produción galega e realizadas entre os anos 2020 e 2021. O festival comunicou esta semana que as súas datas de celebración este ano quedan xa fixadas entre o 1 e o 4 de setembro e agora abre a convocatoria de presentación de producións para todas as súas seccións, que pode facerse de balde a través da súa páxina web. Asemade o festival aumentou a dotación económica dos seus premios nun esforzo que o festival considera que debe asumir por que estes poidan supoñer unha axuda determinante para creadoras e creadores, nun momento moi complicado.
Grazas a iso esta edición do evento contará cunha dotación en conxunto que rondará os 10.000 euros en premios. En concreto, repartiranse un total de 9.600 euros entre as catorce categorías a concurso, ademáis do característico Can de Pedra, trofeo realizado polo artesán Paco Candán, que reciben as gañadoras e ganadores de cada categoría. As cantidades máis importantes estarán destinadas ó premio á mellor curta do xurado, con 2.000 euros, os premios á mellor curta de animación e mellor curta do público con 1.500 euros cada un, e o premio á mellor curta de non ficción, denominada “Furacáns”, que será de 1.200 euros, ademáis de 500 euros para a mellor curta da sección “Novas Camadas” e 500 euros para o mellor videoclip. Como na edición anterior, haberá un total de catro xurados específicos para otorgar estes galardóns.

Este ano, o festival abre desde o inicio a participación para a sección a concurso do Premio Deleite “Novas Camadas”, que o pasado ano se realizou mediante invitación, e se puxo en marcha só unhas semanas antes do festival. Ante a gran acollida que tivo a sección, tanto por parte do público como das creadoras e creadores, este ano será potenciada e destinada exclusivamente a promover directoras e directores menores de 25 anos. O festival tamén recibirá longametraxes e calquera tipo de obra susceptible de poder ser programada ou presentada nas seccións paralelas do festival, dando prioridade en todas as categorías ás obras que aínda non fosen estreadas.

Universo culturagalega.gal

Universo

Explora o Universo

Pincha para ampliar esta historia
no seu contexto cultural galego

Escenarios
1 lugar identificados
Claves temáticas
Entidades
Conceptos
Lugares