O café Torgal programa en liña un ciclo de concertos

O cantautor Emilio Rúa repasa vía Youtube o seu último traballo discográfico

Coa intención de que a música ao vivo non pereza pola pandemia, o Café & Pop Torgal de Ourense anunciaba esta semana a posta en marcha Venres, un ciclo de concertos en liña. As plataformas Youtube e Twitch acollerán cada semana, entre o 19 de febreiro e o 2 de abril ás 10 da noite as retransmisións ao vivo destes recitais. Yana Zafiro, Capricornio 1, Valdivia, Marcelo Criminal, Ghoul Jaboy, Tarta Relena e Albany protagonizan o programa. As persoas asistentes poderán contirbuir co local mediante doazóns a través das propias plataformas de retransmisión.

Tamén desde Ourense, o cantautor Emilio Rúa retransmitirá este 13 de febreiro a partir das 19 horas un recital ao vivo. Youtube acollerá o concerto, no que o autor repasará o seu último álbum de duetos ademais de rescatar diferentes temas da súa carreira. As entradas para o evento poden adquirirse por dez euros.