
Desde Compostela, pola súa banda, o Concello convoca un certame para disfraces que se camuflen con lugares coñecidos da cidade. En Pontedeume pola súa banda, animan a publicar nas redes receitas propias desta época. En Teo a iniciativa EntroidOn achega ás redes os tradicionais atrancos e desafíos dos Xenerais da Ulla. Logo do realizado na parroquia de Rarís o pasado 31 de xaneiro, publicaranse vídeos de Reis (6 e 7 de febreiro) e Santa María de Teo (13 de febreiro).
Desde o Museo do Pobo convidan a coñecer Máscaras Tradicionais cun ciclo virtual no que se abordarán os Entroidos de Podence (Trás-Os-Montes, Portugal) Toén (Ourense) e Riofrío de Aliste (Zamora). A canle de Youtube desta institución transmitirá estes encontros ás sete da tarde dos días 11, 12 e 16 de febreiro.