
O xurado, que escolleu o gañador entre seis candidaturas, destacou no seu fallo "a paixón de Cristian F. Caruncho pola banda deseñada, e o estilo depurado que manifesta, co que ergue o ambiente rural galego, tan minuciosamente tratado, a unha categoría claramente global e doadamente compatible coas tendencias máis modernas da BD. Apreciou nel un potencial riquísimo que confía converta, co tempo, ao artista que xa é, nun referente internacional".
O Xurado estivo composto por Cristina Pato, María Martinón-Torres, María Canosa e Fernando González "Gonzo", ademais de Xavier Casares, presidente da fundación do escritor ourensán, e de Rosendo Fernández, vicepresidente da institución Provincial, en representación de Manuel Baltar. O premio nado en 2020 quere "recoñecer o talento emerxente, activo dunha persoa e colaborar no seu desenvolvemento dentro dun proxecto vital interesante e prometedor".



