Xosé Ricardo Losada gaña o Torrente Ballester de Narrativa novelando os derradeiros días de Manuel Antonio

O xurado da XXXIIª edición do premio en lingua galega escolleu a obra 'O rosario e a buguina'

Xosé Ricardo Losada
Xosé Ricardo Losada
O escritor e profesor de Rianxo, Xosé Ricardo Losada, é o gañador do XXXII Premio Torrente Ballester de narrativa en lingua galega coa súa novela O rosario e a buguina na que recrea os derradeiros meses de vida do poeta Manuel Antonio e o conflito que ten coa súa nai por motivos relixiosos. O premio convocado pola Deputación Provincial da Coruña está valorado en 6.500 € este ano, máis a publicación da obra gañadora. O xurado destacou a potencia da historia, a creación dos personaxes e a escrita coidada da obra. "A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada", destacou o xurado que sinalou tamén que a obra leva a reflexionar sobre a incomprensión da figura do artista no ámbito familiar. Losada recrea na súa novela o final da biografía de Manuel Antonio cando, gravemente enfermo, regresa a Rianxo desde Cádiz para refuxiarse neste tempo final na casa familiar. O autor é profesor de Filosofía no IES Félix Muriel de Rianxo e publicou cinco libros, entre os que está o ensaio Manuel Antonio. Vida e misterio dun poeta galego (Editorial Galaxia). Ademais o pasado ano 2019 gañou o IIº Premio Viadutos de novela de Redondela con A casa xunto ao volcán (Editorial Galaxia).