O conxunto monástico de San Pedro de Rocas, considerado un dos cenobios máis antigos de Galicia, leva un outono de sobresaltos. Hai poucas semanas diferentes colectivos de defensa patrimonial alertaban de que as obras de ampliación realizadas pola Deputación de Ourense na estrada de acceso ao monumento alteraban radicalmente a paisaxe na contorna. A actuación prevista supuña a desaparición dunha grande cantidade de árbores e un incremento da superficie asfaltada no camiño. Logo de que esa intervención quedase paralizada por mor dun contencioso xudicial, o xornal El País recolle este dous de decembro unha nova denuncia, desta volta dos propietarios do terreo circundante, contra a Xunta de Galicia por supostamente provocar danos irreparables no monumento. Segundo o xornal, o emprego de métodos abrasivos de limpeza terían alterado de xeito irreversible rochas nas que se atoparían gravados rupestres, tumbas, e outros elementos de importancia patrimonial. Segundo a denuncia, a limpeza a presión con auga e area afectaría a uns 2.000 metros cadrados do monumento.