Xosé A. Neira Cruz faise co XIV Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil

Convértese no primeiro autor que gaña dúas veces o certame da Deputación da Coruña

Xosé A. Neira Cruz. Fotografía da editorial Galaxia.
Xosé A. Neira Cruz. Fotografía da editorial Galaxia.
O enigma de Santiago é o título da novela coa que o escritor Xosé A. Neira Cruz obtiña este 1 de decembro de 2020 o XIV Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. O xurado do galardón que convoca a Deputación da Coruña seleccionou esta novela cunha "trama arredor do poder que se artella a través de feitos históricos construíndo un relato atractivo" e que amosa o "dominio de referencias artísticas e o históricas, cunhas personaxes moi ben armadas, de maneira especial, o protagonista, que evoluciona ao longo da novela". O autor, que recibirá 6.500 euros en metálico e verá a súa obra publicada, é a primeira persoa que gaña dúas veces este premio, logo de resultar galardoado na edición de 2002 por O armiño dorme.





O xurado estivo composto por Paula Carballeira, Míriam Ferradáns, Antía Otero, e Tero Rodríguez ademais do autor da edición anterior, Valentín Alvite, co deputado de Cultura, Xurxo Couto, como presidente, e a xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria. Segundo recolle a acta, "o misterio da trama atrapa como unha promesa, procurando na experiencia lectora a sensación de estar ante un enigma que che gustaría que fose resolto e que atrapa como unha promesa" ao tempo que destaca da historia "a presenza de relacións de poder nunha cidade que poden ser extrapolábeis á sociedade enteira, descubrindo os artificios de manexo do poder cun estilo narrativo moi acorde cos nosos tempos e coa lectura da actualidade".