Válidas faise con dous dos galardóns do Carballo Interplay

Cineuropa fechou a súa 34 edición co Premio do Público a The Father

Imaxes das producións vencedoras do Carballo Interplay
Imaxes das producións vencedoras do Carballo Interplay
Válidas foi a grande triunfadora da noite ao se facer tanto co premio á Mellor webserie estatal como co Premio do Público. O proxecto que dirixe Nacho Pérez-Pardo retrata en clave de humor a vida de Victoria Martín (Living Postureo) e Carolina Iglesias (Percebes y grelos), dúas cómicas que fan todo o posible por conseguir notoriedade. O xurado, pola súa banda, outorgoulle o galardón á Mellor webserie en versión orixinal en galego a Os 20 do XX, proxecto de animación didáctica de Antón Varela emitido en Praza. O premio de Mellor webserie internacional, pola súa banda, foi para Subsolo, serie portuguesa que conta un día na vida de cinco adultos novos con Lisboa e a súa situación de precariedade.

Egoitz Diaz obtivo o premio AGAG ao mellor guión por Ixa, unha serie xuvenil composta por historias independentes en torno ao uso do tempo e aos non-lugares, mentres Álvaro Carmona conquistou o premio CREA á mellor dirección, pola segunda temporada de Gente Hablando, serie que trata temas universais a través de conversas cotiás. O xurado tamén destacou o traballo nesta serie de Raúl Fernández de Pablo co Premio ao mellor actor.

A mellor actriz foi a galega Anxela Ríos polo seu traballo en Destapando Casares, "thriller transmedia que constrúe un clima de desconfianza arredor dos segredos das persoas que conviven na Universidade Carlos Casares". O xurado novo, pola súa banda, outorgoulle o seu galardón Pikuak, serie en euskera que retrata tres mulleres novas. Finalmente, o premio ao mellor proxecto de webserie en galego, dotado con 3.000 euros, foi para Cacola, un proxecto de animación de humor absurdo artellado en historias de trinta segundos e desenvolvido por David Fidalgo.

En Compostela,o Festival Cineuropa fechaba as súas portas este 22 de novembro a entregar o seu galardón a Alfonso Zarauza, tal e como estaba anunciado. A coincidir con este fin deuse a coñecer tamén o resultado das votacións da asistencia, que outorgou o premio do público a The Father, longametraxe protagonizada por Anthony Hopkins.