Outono Códax festival saca adiante unha edición de tránsito cara o décimo aniversario

Josele Santiago encabeza un cartel no que a metade da oferta son bandas galegas

Josele Santiago encabeza un cartel no que a metade da oferta son bandas galegas
Este ano 2020 ao Outono Códax Festival de Santiago tocáballe celebrar o seu décimo aniversario. A organización do evento preparaba para a ocasión un cartel de excepción como a efeméride merecía con ampla presenza internacional, pero a situación sanitaria demostrou xa hai meses que non ía ser posible levar ese plan adiante. Demostrando a súa capacidade de adaptación o Outono Códax quixo manter unha cita co seu público sen deixar baleiro o 2020 pero tamén sen esgotar a posibilidade desa celebración de aniversario cun evento á altura do fito. É por iso que a edición que ven de presentar onte cartel non leva ese X da década de éxito e só aparece como Outono Códax Festival 2020, xa que será no ano cando tal celebración teña lugar en mellores condicións como é de agardar. Con todo, no que queda de ano o festival que segue a contar co apoio da adegas Martín Códax presenta unha oferta moito máis que digna para as circunstancias, tanto que as poucas entradas dispoñibles (polas restricións de capacidade) para algúns dos catros concertos que se levarán a cabo se esgotaron aos poucos de sacalas á venda. O evento como tal comezou a pasada semana coa inauguración da exposición Carteis e outras impresións da ilustradora Rebeca Losada no local de A Reixa Tenda e a presentación do poemario Desconocernos de Guille Galván (letrista de Vetusta Morla)

No musical este Outono Códax Festival 2020 ofrecerá como prato forte catro datas con concertos de ata seis bandas ou artistas, a metade galegos e a outra do resto do Estado. Os recintos tamén experimentan cambios respecto a outros anos, xa que a Sala Capitol está pechada pola equiparación feita pola Xunta das salas de concertos co ocio nocturno, pasando a o Auditorio de Galicia, o Teatro Principal, o Hotel NH Collection e o Centro Don Bosco. O músico madrileño Josele Santiago (Los Enemigos) encabeza un cartel compartido cas bandas galegas The Limboos, Sabela King & The Hearbreakers e Ukestra do Medio, ademais de Tito Ramírez (Madrid) e The Sey Sisters (Catalunya). Os concertos serán ademais emitidos en diferido posteriormente a través das redes sociais do evento. Como vén sendo habitual dende os seus inicios, o festival completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas, que neste intre comprenden ademais unha oferta moi variada que inclúe djs, catas de viño e gastronomía contando que en decembro poidan abrir locais coma o Riquela Club ou o Fucolois. Ademais o programa ofrece a presentación dunha gravación inédita do desaparecido Andrés Do Barro e dun libro sobre o mesmo artistas a cargo de Fernando F. Rego. Co concerto de The Sey Sisters no mercado da Estrela e o peche da exposición en A Reixa Tenda finalizará o vindeiro 18 de decembro esta edición de tránsito do cara o Xº Outono Códax Festival en 2021.