A proposta para o Parque Nacional Illas Atlánticas é insuficiente para Madrid

O parque debe medrar

A proposta que o Parlamento galego fixo ó Congreso para crear o Parque Nacional Illas Atlánticas é considerada insuficiente polo ministerio de Medio Ambiente, que propón ampliar as áreas protexidas para evitar que comunidades de especies destacadas queden divididas ou carentes de toda protección. O mes de setembro o Congreso discutirá a proposta galega e, se non decide ampliar a zona a protexer, crearase o Parque Nacional máis pequeno do Estado, que abranguería as illas de Sálvora, Ons e Cíes.

Poboacións divididas


A proposta que se remitiu desde a Xunta ó Congreso dos Deputados pretende que se declare Parque Nacional as illas Cíes, Ons e Sálvora e a zona de mar que rodea as súas costas nun espacio máximo de dez metros. Esta superficie suporía crear o parque deste tipo máis pequeno do Estado, con 2772 hectáreas. O Ministerio de Medio Ambinete sinalou que con esta proposta, o corenta por cento das comunidade bentónicas do fondo mariño das illas Cíes, ó igual que unha terceira parte do patrimonio biolóxico total, quedarían divididos entre a área protexida e a non protexida. Ademais, o patrimonio histórico máis destacado das illas ficaría sen protección, de xeito que pezas coma o galeón Santo Cristo de Maracaibo, afundido onda as Cíes, quedaría sen protección. Segundo sinala hoxe "La Voz de Galicia", esta división tamén afectaría ós bosques de algas pardas que se estenden ata 25 metros desde a costa, á fauna das paredes rochosas, ó coral amarelo que se dá nas Cíes e na Costa da Morte, ócoral brando e ás anémonas.












Ampliación


O Ministerio de Medio Ambiente, no seu informe sobre o parque, sinala que sería axeitado incluir no parque as illas Rúa e Lobeira, a península do Grove entre Punta Barcela e Punta Abelleira, o Cabo Udra, en Bueu, a Costa da Vela en cangas, o Monte Ferro e as illas Estelas e Serrallerias. Ademais, o informe do Ministerio tamén sinala que as illas Aguillóns, as Sisargas e as Costa da Morte tamén merecerían medidas de protección polas súas poboacións de coral, e propón realizar un estudio específico sobre estas zonas. Acutalmente, diversos grupos ecoloxistas están a desenvolver unha campaña para solicitar que a estensión do parque se amplie e inclúa estas zonas e illas coma a Rúa en Arousa. Segudno ester grupos, a ampliación a estes lugares "despexaría calquera posble acción especulativa no futuro".