A proposta do Parque Nacional Illas Atlánticas comeza a súa tramitación

Un paso máis no Parque

O Congreso dos Deputados aprobou onte por unanimidade a porposición do Parlamento de Galicia para a declaración do Parque Nacional Illas Atlánticas. Agora falta o estudio e debate do plan no Congreso e máis do Senado, e xa foron varios os grupos que anunciarion que presentarán enmendas ó proxecto. A aprobación final da Lei que regulará o Parque podería aínda retrasarse ata comezos do vindeiro ano xa que coincide no tempo coa discusión dos orzamentos xerais para o vindeiro ano.

Unanimidade e matices



A pesar que todos os deputados estivesen de acordo en aceptar que se tramite o Proxecto de Lei presentado polo Parlamento Galego, as intervencións de diferentes deputados deixaron claras as discrepancias sobre algúns puntos do proxecto.
A sesión comezou coa presentación do proxecto galego por parte dos deputados autonómicos Juan Casares, do PP, Dolores Villarino, do PSOE e Francisco Trigo, do BNG. Na súa intervención Villarino aproveitou para pedir que o nome do parque pase a ser o de "Illas das Rías Baixas", para que quede clara a súa localización xeográfica e se identifique con Galicia.
Nas intervencións dos representantes no Congreso, o deputado polo BNG Guillerme Vázquez sinalou a necesidade de ampliar os límites do parque e de acadar a compatibilidade da conservación coa pesca e o marisqueo. Tamén a deputada socialista Carmen Marón isistiu na necesidade de que o parque abranga outras illas como Lobeira, as Sisargas e Cortegada onda zonas terrestres coma a Costa da Morte ou Corrubedo.
Pola súa banda, o Conselleiro Galego de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, defendeu a proposta aprobada polo Parlamento Galego, que fixa os límites do parque nas illas Cíes, Ons e Sálvora. Segundo el, "a insuridade é o que lle outorga a súa singularidade" ó parque. Engadiu ademais que as zonas propostas para ampliar o parque xa contan con outros tipos de protección que preservan o seus recursos.












O que hai e o que se reclama


A declaración de Parque Nacional afectará, segundo a proposta que se manexa actualmente, a 2772 hectáreas, das que 737 están baixo a auga. Sen embargo, tanto colectivos ecoloxias coma o propio Ministerio de Medio Ambiente contemplaron a posibilidade de incrementar a superficie protexida.
O incremento de superficie a protexer realizaríase incrementando o fondo marino a incluír e contemplando a protección doutras zonas alén das illas iniciais.Segundo sinalan diferentes asociacións ecoloxistas, a actual distribución do parque deixa sen protección ou divididas importanes poboacións de flora e fauna submarina.
Os partidarios da ampliación do parque tamén consideran que a protección que outorgan as declaracións de Parque Natural ou a inclusión na Rede Natura 2000 non é suficiente para ecosistemas coma o das dunas de Corrubedo ou das Illas Sisargas, e reclama a súa inclusión no Parque Nacional.