As intervencións en castros viven un auxe

Prospeccións, limpezas e escavacións entre as novidades

Prospeccións, limpezas e escavacións entre as novidades
Foxos do Castrillón (Larouco/Ourense). Foto: Xeitura
Nas últimas semanas estamos a coñecer un gran número de intervencións en castros. Desde prospeccións valorativas, sondaxes, escavacións, limpezas ou tarefas de consolidación e posta en valor, numerosos xacementos do país están a ser intervidos. De seguido publicamos unha relación dalgunhas das principais intervencións e nos vindeiros días daremos conta dos detalles doutras.

Castro de Chandebrito (Nigrán, Pontevedra)
Aínda que a datación do castro de Chandebrito xa revelaba unha antigüidade considerable (ao redor do século VI a.C.), a última intervención arqueolóxica levada a cabo neste recinto fortificado de Nigrán revelou unha ocupación inicial do século VIII a.C. A intervención levada a cabo por Árbore Arqueoloxía realizouse nunha estrutura que inicialmente foi vivenda pero que logo pasou a ser unha zona de almacenaxe. O equipo localizou numerosas evidencias de contactos comerciais co sur peninsular.

Castro de Santa María (Cervantes, Lugo)
Neste emblemático castro dos Ancares leváronse a cabo tarefas de consolidación e limpeza que coinciden co seu recoñecemento como Ben de Interese cultural. A consolidación afectou a todas as vivendas do castro, os fogares e unhas tumbas baixomedievais, ademais da reconstrución doutros elementos, a limpeza do contorno e a inminente sinalización dos accesos.
Croa do Castro de Cerqueda (Malpica, A Coruña)
Mañá rematarán os traballos de prospección na Croa do Castro de Cerqueda, promovidos polo concello de Malpica. O arqueólogo Carlos Otero está empregando un gradiómetro –unha sorte de radar de subsolo- para examinar a presenza de estruturas que permitan coñecer –sen necesidade de excavación- a organización interna do xacemento e obter información valorativa para unha posible intervención futura.
O Castrillón (Larouco, Ourense)
O concello de Larouco é o promotor da recuperación dun espectacular castro de montaña, o Castrillón, que está a ser levado a cabo pola empresa Xeitura. As tarefas de limpeza levadas a cabo están amosado xa catro potentes foxos escavados na rocha na zona norte do xacemento arqueolóxico. A intervención continúa con dúas sondaxes destinadas a datar este castro. A intervención está financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no marco do Xacobeo 2021.

O Castrillón (Larouco, Ourense)
O concello de Larouco é o promotor da recuperación dun espectacular castro de montaña, o Castrillón, que está a ser levado a cabo pola empresa Xeitura. As tarefas de limpeza levadas a cabo están amosado xa catro potentes foxos escavados na rocha na zona norte do xacemento arqueolóxico. A intervención continúa con dúas sondaxes destinadas a datar este castro. A intervención está financiada pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, no marco do Xacobeo 2021.
Castro de Cerneda (Abegondo, A Coruña)
A intervención, levada a cabo por CADO Arqueoloxía e promovida polo concello de Abegondo permitiu comezar a coñecer a cronoloxía deste castro de notables dimensións (unhas tres hectáreas). A escavación permitiu certificar que o castro ten a súa orixe na Idade do Ferro, pero que tamén conta con ocupación romana, e localizou restos cerámicos procedentes do sur da Península e de África, cunha posible ocupación de 500 anos. O concello amosou a intención de continuar as intervencións para o ano que vén recuperando unha estrutura que apareceu nesta primeira sondaxe.

Castromao (Celanova, Ourense)
O relevante castro de Castromao foi obxecto dunha limpeza a fondo, xa que o xacemento se atopaba totalmente colonizado pola vexetación. O arqueólogo municipal, Breogán Nieto, puido verificar que as estruturas, descoidadas durante dez anos, se atopaban en bo estado. A incorporación de paneis informativos é tamén unha das novidades destacadas.


Plan de urxencia para o Castro de Baroña
Os arqueólogos Francisco López e Ángel Concheiro son os responsables da redacción dun plan de urxencia para intervir no xacemento do castro de Baroña, fortemente afectado polas duras condicións climáticas e o fluxo de visitantes. Os técnicos sinalaron que dous dos recintos do xacemento se atopan bastante afectados por estas condicións. O concello do Porto do Son busca conseguir fondos para acometer a intervención con este plan.

O Sarridal (Cedeira, A Coruña)
O equipo dirixido polo arqueólogo Emilio Ramil rematou as tarefas de consolidación do castro do Sarridal (Cedeira, A Coruña). Trátase dunha espectacular área conformada por unha sauna da Idade do Ferro e a entrada monumental ao xacemento, incluíndo a porta e a muralla.