'Bernarda' triunfa nos XXIV Premios María Casares

Un formato adaptado permitiu salvar dignamente a entrega dos galardóns do teatro galego

Un formato adaptado permitiu salvar dignamente a entrega dos galardóns do teatro galego
Houbo que agardar varios meses para ver as celebradas cabezas de María Casares nas mans dos seus gañadores e saber cales eran os traballos aos que o sector da escena galega daba ese recoñecemento. Finalmente a entrega dos XXIV Premios de Teatro María Casares realizouse nun formato diferido, pregravado, e no que se ben se prescindía de gran parte dos elementos habituais dunha gala se engadía tamén algún outro ingrediente que non deixaba de resultar benvido.

Non se puido facer a reunión do sector nunha noite como era previsto facer no Teatro Rosalía de Castro da Coruña un ano máis. Nesta ocasión, non houbo fotos de benvida, apertas, risas, aplausos, postas en pé, paseos triunfantes... Non podía ser e non foi, pero houbo un continuo recordo ao sector non presente. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia sacou adiante a vixésima cuarta edición destes galardóns da excelencia teatral preparando un formato minimalista que, prescindindo do espectacular e festivo, afondaba no profesional. Houbo que renunciar ao deseño de gala preparado por Cristina Moreira para esta ocasión, un espectáculo ao que o presidente da AAAG, o actor Xavier Deive, xa avanzou que non se renunciaba facer máis adiante. No relativo á posta en escena, como se pode ver no vídeo, sobre o escenario do Salón Teatro de Santiago dous asentos cunha mesa no medio para o premio como único atrezzo e como efecto un leve fume, que en verbas de Deive actúa coma metáfora das incertezas do momento, "que confiamos que se vaian disipar".

A entrega destes catorce galardóns renunciou así a moitos aderezos festivos e de calor e camaradería, pero engadiu tamén un punto de coñecemento. A cada persoas que subía a recoller un premio, ademais de permitírselle a necesaria intervención de agradecementos e lembranzas tamén se lle facían preguntas sobre o seu traballo e a obra pola que se lle recoñecía. O formato permitiunos así introducir un valor informativo a cada paso polo escenario e aumentar o coñecemento sobre as obras e os propios profesionais que quedará aí coma parte do documento audiovisual. O vídeo de unha hora e quince minutos gravouse en diferentes xornadas durante o mes de outubro, o que fai supor que para unha parte da profesión xa non habería sorpresas no relativo ao palmarés deste María Casares e polo tanto a expectación quedaba algo reducida, malia todo a emisión do vídeo ás 20:00 horas de onte chegaba a acumular máis de oitenta espectadores no momento, que agora xa vai camiño das 900 reproducións.

A noite de Bernarda
O reparto de premios alcanzou a dez das propostas teatrais estreadas no ano 2019, moitas das cales seguen agora mesmo nos escenarios. O espectáculo Bernarda, de Malasombra Producións, acaparou o maior número de galardóns desta edición, ao levar os premios nas categorías de espectáculo, texto orixinal (Jose Prieto), actriz secundaria (Celia González) e dirección (Jose Prieto). Este último galardón, o de dirección, foi compartido ex aequo con María Peinado, directora do espectáculo O meu mundo non é deste reino, de Teatro da Ramboia, o que levou a que para facer esta dupla entrega se decidise a sortes que saía primeiro a recoller o galardón. O espectáculo de Teatro da Ramboia tamén levou o galardón á adaptación-tradución. Así, esta obra fíxose finalmente con dous galardóns, os mesmos que Liberto, de Rebordelos, que gañou nos apartados de actriz protagonista (Rocío González) e de música orixinal (Lucía Aldao). Pola súa banda, Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro, conseguiu o premio ao espectáculo infantil.

Outros seis espectáculos conseguiron un galardón nestes XXIV Premios de Teatro María Casares. O actor Machi Salgado acadou o premio ao mellor actor protagonista polo seu traballo en Idiota, de Redrum Teatro; MedidaxMedida, de Producións Teatráis Excéntricas en coprodución co FIOT, estaba abocada a conseguir o premio ao mellor actor secundario xa que os tres finalistas formaban parte desta obra e finalmente foi Josito Porto quen subiu a recoller o galardón; o Centro Dramático Galego, anfitrión desta gravación na súa sede, tamén puido sumar un recoñecemento polo premio a Marta Pazos pola escenografía de Neorretranca e posmorriña; Laura Iturralde (dobremente finalista) tivo ocasión grazas ao formato para explicar máis do seu traballo de Iluminación en O empapelado amarelo, de A Quinta do Cuadrante; Despois das ondas, de ButacaZero, conseguiu o María Casares de vestiario grazas ao traballo de Carlos Pinilla, que paradóxicamente gañou por vestir, entre outras, á personaxe de María Casares; Martina Cambeiro por Vida de Cans, de Talía Teatro, obtivo o premio de maquillaxe.

A pesares do presumiblemente frío da proposta os momentos non estiveron exentos de diversión e intensidade, como foi o caso da emoción amosada por Celia González e o humor de Josito Porto. No apartado de agradecementos estiveron este ano especialmente presentes os "invisibles", os compañeiros técnicos que fan posible a realización de cada espectáculo e que foron lembrados polo impacto que sobre eles esta a ter a situación causada pola pandemia e as restricións do momento. Tamén houbo moitos chamamentos ao público a seguir asistindo ás representacións ante a comprobada seguridade das actividades culturais.

Discursos para enfrontar un tempo adverso
Xustamente o momento, as súas dificultades e retos, as críticas e chamadas ás administracións, estiveron no centro das intervencións especiais. Mónica García, vicepresidente da AAAG foi a encargada de ler o discurso institucional da Xunta Directiva da asociación organizadora. Na súa intervención, García compartiu esa nostalxia pola normalidade ausente na situación, unha normalidade que lembrou que as xentes do teatro estaban dedicadas sempre a cuestionar. "Houbo un tempo en que a suspensión de bolos non era o normal, senón a excepción", sinalou García para despois subliñar que "todo mudou: tamén o significado das localidades baleiras no patio de butacas ou a capacidade dos recintos. Por suposto, tampouco é a mesma a relación que se establece entre nós, no escenario, e o público". "Vaia todo por facer da cultura unha actividade segura para o público, pero a seguridade da cultura debe incluír tamén a das súas traballadoras e traballadores", sentenciou a vicepresidenta da AAAG, quen tamén se referiu á resposta da administración galega no eido cultural no actual contexto de pandemia: "A administración deixounos á intemperie e a Consellería de Cultura e Educación empurrounos ao baleiro sen máis rede que un Plan de Reactivación que tachamos de insuficiente, de deficitario e mesmo de imprudente. Un Plan que, en definitiva, apostou todo ou case todo á distribución sen pensar en que os gromos se ían suceder, en que os teatros se ían pechar, en que nos ían cancelar".

García quixo sinalar por outro lado a capacidade do sector para unirse neste momentos adversos e exemplificou esta unión no recente Informe sobre o teatro galego: creadores, xestores e públicos presentado polo Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega no marco do Iº Congreso Internacional do Teatro Galego, que se puido facer grazas ao impulso e colaboración dos diversos axentes asociados das artes escénicas.

O teatro coma ben necesario foi a idea sobre a que xirou a intervención de Flor Maceiras ao recibir o Premio de Honra Marisa Soto. Maceiras sinalou que "o teatro é un dereito da cidadanía, non un privilexio da xente que o facemos". "E para que a xente poida exercer os seus dereitos, ten que ter acceso e ten que haber unha administración pública, local, galega, estatal, que se debe implicar no investimento", remarcou Flor Maceiras, quen tamén quixo lembrar unha parte fundamental da estrutura teatral: a formación. "Este é un premio non tanto a min e si máis a xente que sempre estivo empeñada na formación teatral na Galiza", rematou Maceiras. A súa intervención foi gravada en Narón e xa en días anteriores a AAAG a distribuíra polas redes sociais.

Tamén era xa coñecido con bastante antelación, desde marzo, o Manifesto Galego no Día Mundial do Teatro da actriz Isabel Risco. Malia a falta de novidade, a súa lectura mantivo e vivificou a combatividade do discurso feito nas primeiras semanas do Estado de Alarma.

O vídeo completo de todas as entregas e discurso está dispoñible no perfil da plataforma YouTube dos Premios María Casares e dispón dun minutado que permite acceder a cada unha das intervencións directamente. Ademais a AAAG foi publicando nas súas redes sociais os fragmentos por separado correspondentes ás catorce categorías e ao manifesto.


Por categorías, as gañadoras e gañadores son:

Maquillaxe: Martina Cambeiro por Vida de Cans (Talía Teatro)
Vestiario: Carlos Pinilla por Despois das ondas (ButacaZero)
Iluminación: Laura Iturralde, O empapelado amarelo (A Quinta do Cuadrante)
Escenografía: Marta Pazos, Neorretranca e posmorriña (Centro Dramático Galego)
Música orixinal: Lucía Aldao por Liberto (Rebordelos)
Texto Orixinal: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra Producións)
Adaptación-tradución: María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)

Actor secundario: Josito Porto, por MedidaxMedida (Producións Teatráis Excéntricas-FIOT)
Actriz secundaria: Celia González por Bernarda (Malasombra)
Actor Protagonista: Machi Salgado por Idiota (Redrum Teatro)
Actriz protagonista: Rocío González por Liberto (Rebordelos)
Dirección: Jose Prieto por Bernarda (Malasombra) e María Peinado por O meu mundo non é deste reino (Teatro da Ramboia)

Espectáculo infantil: Umm! Unha comedia musical para chupar os dedos, de Avento Teatro.
Espectáculo: Bernarda, de Malasombra.