O grupo TOR traslada no seu primeiro disco as investigacións recollidas da música tradicional

O traballo inclúe temas instrumentais de variada procedencia con arranxos na liña do folk celta

Deseño: Paco Boluda
Deseño: Paco Boluda
Un repertorio a base de popurrís ou sets de temas instrumentais orixinais tomados da tradición galega, con especial atención aos gaiteiros e músicos do interior é a tarxeta de presentación da banda ourensá TOR. A principal fonte destes temas é o traballo de campo do Arquivo Castro Vicente (Cástor e Félix Castro, compoñentes do grupo), e os seus fondos documentais e sonoros, centrados sobre todo na frauta de madeira e acordeón diatónico, así como en estilos de toque de gaita de comarcas como A Limia, Frieiras e Navia entre outras. Os irmáns Castro están acompañados neste proxecto por Álvaro Iglesias no contrabaixo e o coñecido Xosé Liz nas cordas do bouzouqui, guitarra e mandolina. A formación ven de sacar o sue primeiro traballo gravado, de nome homónimo TOR (Inquedanzas Sonoras, 2020), ofrecendo once temas con orixes en moi diversos puntos da xeografía en forma de muiñeiras, xotas, alboradas, pasacorredoiras, piruxaldas, alalás, cantos de reis, valses ou mazurcas, como a que pecha o disco, Mazurca do Cachoupiño, que recibe o nome polo baile do cachoupiño que aparece na novela A Esmorga de Eduardo Blanco Amor e foi composta para a publicación EBA 5.0, o universo de Eduardo Blanco Amor 50 anos despois d´A Esmorga (Difusora, 2009). Esta mazurca está inspirada en antigas mazurcas tarareadas aos irmáns Castro polo gaiteiro Fernando Paradela de Sarreaus (Ourense). Tanto esta mazurca coma a peza Piruxalda de Argomoso e muiñeira de Vilaquinte foron gravadas ao vivo para o disco. O álbum conta coas colaboracións de Pancho Álvarez e Ángel Ruíz e xa está dispoñible en Spotify e YouTube ademais de á venda na páxina de Inquedanzas Sonoras, ou na web do grupo co seu libreto completo. O grupo gravou ademais este verán a banda sonora para a mediametraxe Luarada ( Óscar Doviso), sobre o lobishome de esgos Manuel Blanco Romasanta, que se estreou no OUFF en outubro.