SELIC: Compostela reivindícase cidade de letras

A Semana do Libro fai parte dunha aposta para tecer redes locais a partir da literatura

A Semana do Libro fai parte dunha aposta para tecer redes locais a partir da literatura
A abandonar a sede central na Praza da Quintana e coa intención de se espallar e reconquistar espazos para as letras, a Semana do Libro de Compostela acaba de fechar a súa cuarta edición. A mudanza de formato amosa a vontade dos distintos axentes implicados en reivindicar o papel da literatura na comunidade local e en presentar a cidade como un territorio literario, unha aposta que promete incrementarse nos vindeiros anos.


A capital galega é un espazo literario. E non só por ser escenario de múltiples novelas e obras, senón tamén porque acolle case a quinta parte das editoriais do país. Canda a este importante número de empresas, unha grande cantidade de autoras e autores e unha rede de librarías que resiste a crise contribúen a apontoar o peso das letras na configuración da cidade. A responder a este potencial, a Semana do Libro de Compostela (SELIC) redefiniu este ano o seu formato de cara a reconquistar espazos para este ámbito. Foi este un primeiro paso do que pretende ser unha aposta máis ampla para pór en valor ese tecido literario local por parte dos axentes vencellados ao libro e á cultura. "A Covid obríganos a cambiar formatos e formas de facer. O noso reto é conseguir que estes cambios sexan para mellorar, convertendo a necesidade en virtude e aproveitando para experimentar novos modelos", explica Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural da capital galega.

Novos espazos
Como novidade máis evidente na organización da cuarta xeira deste evento, para alén da mudanza de datas que o levou ao mes de outubro, está o troco de localización. Dous espazos destacados da zona vella, o local de Afundación na Rúa do Vilar e mais o comedor do Pazo de Fonseca, onda a Rúa do Franco, collen nesta edición o relevo da grande carpa na praza da Quintana como sedes. "O contorno da rúa do Vilar foi un espazo moi literario no que se concentraron moitas librarías, aínda que hoxe só queda unha aberta, o mesmo acontece arredor de Fonseca" ao pé da Biblioteca Xeral da Universidade, explica Quique Alvarellos, membro da comisión organizadora do evento en representación das editoras locais. A estas modificacións sumouse unha aposta prioritaria por iniciativas e autores de carácter local, cun peso importante de roteiros temáticos pola cidade, a vencellar aínda máis letras e lugar. Segundo adiantaba Mercedes Rosón na presentación do programa, esta nova proposta, "pénsase como unha constelación por diferentes lugares da nosa cidade, formada por equipamentos como son as sedes da SELIC, as propias librarías ou a Fundación Granell". A renovación do formato deste programa non obedeceu directamente ao contexto de Pandemia, segundo recoñecen desde o concello. "A descentralización da SELIC xa estaba planificada antes da Covid e acelerouse por esta circunstancia. Parécenos que esta descentralización serviu para achegarnos ao conxunto da cidade e para facer a feira máis integradora". Desde a perspectiva de Alvarellos, a mudanza era necesaria, xa que "a Quintana é un espazo fabuloso a nivel monumental e mesmo simbólico, pero non estaba a resultar un lugar bo para as vendas. Librarías e editoras temos que vender para que os postos sexan rendibles, e penso que somos varios os que percibimos que non funcionaba ben, polo que tamén nos parece axeitado considerar outros espazos".

O peso do libro
Segundo destacaba Rosón na presentación do evento, a SELIC "ten como obxectivo visibilizar e dar a coñecer o grandísimo potencial editorial e literario que ten a cidade". Ao seu ver, "a feira fai especial incidencia nas autoras e producións literarias de Compostela e isto vese reflectido no programa; non só nos contidos, senón tamén no propio proceso de produción do evento, no que están moi integrados os axentes locais. A imaxe de Compostela polo tanto, trasládase ao exterior a través da SELIC como unha cidade creativa e participativa, onde o eido literario ten gran importancia". A achegar datos ao peso real do sector do libro na cidade, o Informe Anual da Cultura en Santiago presentado polo Concello, sinala que "en 2017 editáronse no municipio de Santiago de Compostela 512 libros", do que máis de dous terzos saíron en galego. A cifra, que se mantén relativamente estable ao longo do tempo, supón unha quinta parte do total que publicado anualmente no noso país. De xeito similar, o 18,1% das editoras galegas, un total de 86, teñen sede en Santiago "o que a converte na cidade galega con maior volume, non só en termos relativos senón tamén absolutos", destaca este informe, lixeiramente por riba da Coruña, cun 17,9% de firmas, e de Vigo, co 16%. A estes índices cabe sumar aínda a cifra sen contabilizar da cantidade de autoras e autores que viven na cidade e unha rede de librarías que, malia ás baixas de establecementos históricos nos últimos anos, mantense cunha intensa axenda de actividades e mesmo aperturas recentes. "A vontade da SELIC é visibilizar a biodiversidade editora e libreira da cidade, que é enorme. Este ano, dos dezaseis postos que houbo, unha ducia eran editoras, o que supón un grande esforzo nas condicións tan duras e delicadas nas que estamos" lembra Alvarellos. "Isto amosa que hai unha vida cultural moi grande, con microempresas e pequenas firmas que sostemos todo un mundo cultural nunha cidade de apenas 100.000 habitantes".

Literatura de quilómetro cero
Lola Puerta, representante das librarías locais na organización deste evento, apunta que, no actual contexto de crise económica e sanitaria, o novo formato da feira supón "apostar pola literatura de quilómetro cero. Estamos ante un evento que nos dá confianza no que temos arredor. Moitas das presentacións, dos roteiros e das actividades foron de xente nosa, veciños do barrio, libreiros que coñecemos, editores. Somos quen de crear un ambiente literario de quilometro cero, de alto nivel, con moita calidade e capacidade de transmitir esta forza ao resto da sociedade, aglutinarnos e compartir o que é estar vivo, o que ten enerxía", salientaba na presentación do evento. A destacar a importancia do sector, apunta que "hai pouco estiven nunha grande cidade e dicianme que temos en Compostela moitisimas mais librarías do que eles, sendo moito máis pequenos", e isto nun contexto difícil no que teñen fechado varios establecementos históricos da cidade.

Abrir e situarse
O espírito do programa da última SELIC seguiu en boa medida a aposta que hai xa máis dunha década iniciou o colectivo Editores de Compostela a prol dunha visibilización da potencia editorial e literaria da cidade, con propostas como os Outlets ou as Romarías do Libro, que ocuparon diferentes espazos da mesma con actividades e postos de venda. Tal e como recoñece Alvarellos "xa desde a crise anterior, hai dez anos, no sector do libro repregámonos para procurar chegar a públicos de proximidade. Hai toda unha serie de adversidades e incógnitas ás que se acaba de sumar a pandemia, pero os problemas do sector xa levan tempo aí, como adaptación ao mundo dixital ou a crise económica. Entón tentamos coidar moito as edicións e posicionarnos ante os novos usos lectores, híbridos entre o papel e o dixital. Sacar os libros á rúa é unha das estratexias máis favorables para editoras e librarías desde sempre, tanto coas feiras tradicionais como con apostas máis dinámicas nesta liña". Nun sentido similar, Puerta sinala que "todos estamos a facer un esforzo ímprobo para que a xente que está a facer cousas poidan editar, amosar o seu traballo nas librarías e chegar ao público". Ademais, na mesma estratexia de proximidade e de incrementar a relación co contorno inmediato, chama ao seu sector a "recuperar a nosa identidade como librarías e funcionar como puntos de encontro. Ser librarías de barrio ou especializadas que aglutinen ao seu arredor grupos de xente e creen o seu propio universo. Cada libraría ten identidade e personalidade, achega diferentes matices e un tipo específico de libros. Na SELIC falabamos que a ver os postos podemos ver a definición de cada libraría e de cada editorial".

O potencial do encontro
O diálogo e a comunicación que se xerou na feira entre os diferentes actores foi, para Puerta, un dos elementos máis destacados deste encontro, estreitamente relacionado co carácter de proximidade que reivindica. "Neste tempo que editoras e librarías estivemos xuntos, puidemos falar e compartir moitas cousas. Ao mellor non coñecíamos as nosas respectivas especializacións ou os proxectos en que andamos metidos. Estamos a descubrir autores, ilustradores, artistas ou comunicadores que traballan arredor do libro. Pasou por alí moita xente a falar do que fan, hai moitas ideas e veñen de persoas de aquí mesmo, non chegan de Noruega senón que son de veciños nosos". Precisamente esta aposta polo achegado permitiu completar o programa nun momento no que se viron limitacións ao número de persoas permitidas en xuntanzas e diferentes incertezas a nivel organizativo. "Saímos adiante grazas a este tecido local. Editoras e librarías fixemos encontros, roteiros e presentacións con xente local, foi algo moi bonito. Penso que se algo ten de valor a SELIC é esa posibilidade de agruparnos en torno ao libro".

A importancia da cultura
A aposta por promover o carácter literario da cidade ten diferentes vantaxes, segundo os axentes que participan deste proxecto. Así, para Mercedes Rosón, "o auxe da economía creativa dinos que as posibilidades económicas son evidentes, tanto na creación de tecido económico local como no traslado dunha imaxe cara a fóra de territorio creativo, dinámico e atractivo para o turismo e os investimentos. Pero máis alá disto, gustaríame insistir nos beneficios non económicos, polo menos no inmediato. A lectura en xeral, o libro, a literatura, son esenciais no desenvolvemento das persoas e polo tanto das cidades, das sociedades. O coñecemento que nos achegan os libros será peza básica na nosa evolución como pobo e isto non o podemos esquecer nunca". De xeito similar, os colectivos que promoven este encontro salientan a importancia do libro e da cultura, en particular no actual contexto de crise. "O movemento destas pequenas enerxías é o que nos está a alimentar a todos, e o libro está a ser realmente isto, un lugar de ánimo. Unha libraría non é só un lugar físico senón tamén emocional, un espazo no que atoparse rodeado de libros, que abre fronteiras e fai comentar diferentes temas, o que resulta vital nestes momentos", destaca Puerta. Alvarellos pola súa banda, lembra que "a cultura, lonxe de ser un adorno, como moitos tentan difundir, é a nosa táboa de salvación, un salvavidas imprescindible na sociedade de hoxe, ao mesmo nivel que a educación, a sanidade e os servizos sociais". "As librarías temos un papel como reservorio cultural. O libro é un testemuño histórico do que está facer unha cultura. Se nós fechamos e as editoras deixan de sacar libros, pérdese esta memoria", completa a representante destes establecementos na SELIC.

Posibilidades
Posiblemente, e dada a excepcionalidade desta edición, non sexa o deste ano o formato definitivo da Semana do Libro. Segundo recoñece Puerta, "falamos dunha edición que non se pode comparar. Foi a proba dun modelo que aposta porque na cidade se habitasen espazos non habitados a nivel cultural. A idea era saír do formato de feira do libro e darlle outro matiz que facilitase a implicación de toda a cidade. E isto fíxose, dentro das limitacións actuais". De cara ao futuro, a libreira apunta que "estamos nunha busca, hai que lle dar unha volta e ver onde están os fallos e como se pode aglutinar máis a sociedade. Hai moito que investigar, pero está claro que cómpre saír de recunchos e de zonas illadas e baixar á cidade". Mercedes Rosón, pola súa banda, reafirma o compromiso do Concello co proxecto. "Esta edición, marcada polas dificultades do momento, afianzou a nosa vontade de continuar no vindeiro ano ca SELIC, insistindo nas especifidades que máis nos convenceron este ano e que xiran en torno a que esta é unha feira `de cidade´ onde están perfectamente integradas as partes do tecido literario local e tamén a propia cidadanía, que pode acceder a ela dende multiplicidade de espazos e formatos". A concretar máis, o editor Quique Alvarellos sinala que "a pensar que xa non haberá Covid, eu apostaría para o vindeiro ano por un espazo central único e cuberto. Un único lugar que aglutine as actividades e a venda. Pode ser o edificio dunha fundación, como o de Afundación ou a Granell, que se ocupe literalmente coa SELIC, mesmo a empregar tamén unha praza anexa. Penso que pode ser un bo xeito de consolidar esta cita". Na mesma liña apunta aínda a necesidade de ver o xeito no que a proposta consegue calar a nivel social. "A SELIC tenta ser ese escaparate do tecido literario e da biodiversidade que existe en Compostela nese campo. Fica por ver se este chega a ser recoñecido pola sociedade e se deixa sentir tamén no balance de contas das empresas. Pero desde logo vemos que están a xurdir novos proxectos, aparecen máis editoras e vaise para adiante. Pero esta é unha grande crise". A facer un chamamento á innovacion, Puerta apunta que "ogallá vaiamos vendo esta necesidade de que as librarías somos imprescindibles para non perder a alma das cousas que se están a facer na cultura. Cómpre saírmos ás prazas e xuntarnos, non quedar a nos ollar no espello. Hai que se arriscar e apostar por cousas novas mesmo sen sabermos como poden saír. O maior risco é ficar cadaquén no seu recuncho e nos perder nesas illas" conclúe Puerta. "Neste momento cómpre sentirnos grupo ou clan arredor do libro da cultura galega. Cómpre desenvolver novos modelos, comunicarnos máis. No que estamos todos de acordo é que por libre non se vai salvar ninguén", alerta.


Máis letras compostelás
Alén deste evento, a concelleira de Acción Cultural salienta que "esa idea de cidade literaria está presente ao longo do ano" Proxectos como o Premio Novela Europea Casino de Santiago, o festival poético Alguén que respira, o Premio Internacional de Álbums Ilustrados, ou o xardín das pedras que falan, un espazo dedicado a celebrar a literatura na zona histórica, son algunhas das propostas que se desenvolven. "Para nós a promoción da lectura e esa visibilización do potencial literario de Compostela é fundamental. Mantemos unha relación de contacto permanente coa Asociación de Escritores en Lingua Galega, así como con editores e libreiros. Isto tradúcese en colaboracións e no deseño dunha serie de programas transversais nos que colaboran distintos departamentos do concello como Educación, Centros Socioculturais, Igualdade, Políticas Lingüísticas ou Acción Cultural, por citar algúns". Como novidades inminentes, anuncia unha nova pedra para o xardín literario cun texto de Salvador García Bodaño e mais a inauguración da escultura de Federico García Lorca na Alameda de Santiago, prevista para o 25 de outubro. De cara ao futuro anuncia tamén a creación "dunhas Bolsas Internacionais de Residencias para escritores/as de Santiago", novos pasos para facer unha cidade de letras.