Novedades Carminha e Os Amigos dos Músicos triunfan nos Premios MIN

Sete festivais galegos no palmarés peninsular dos Iberian Festival Awards 2020

Sete festivais galegos no palmarés peninsular dos Iberian Festival Awards 2020
Novedades Carminha
Os Amigos dos Músicos
Os Amigos dos Músicos
Esta fin de semana celebrouse a gala dos Premios MIN 2020, os galardóns que recoñecen ás producións musicais independentes a nivel estatal. A banda compostelá Novedades Carminha saía da cita como vencedora absoluta do panorama musical independente coroada con tres premios baixo o brazo O seu disco Ultraligero (Ernie Recordos, 2019) xa foi un dos máis sinalados pola prensa especializada de entre a colleita musical do pasado ano, aparecendo destacado en numerosas listas. Esa aceptación vese agora reforzada cos premios a Mellor Álbum Pop do ano, Mellor Artista e tamén ao do Mellor Directo nacional. A banda aproveitou a ocasión para facer avance de tres citas de concertos para o vindeiro ano no mes de marzo, dous en Madrid e Barcelona e outra, o día 26 no Multiúsos do Sar da súa cidade, Santiago de Compostela. Ademais diso a noite tamén deu un alegría á banda ourensá Os Amigos dos Músicos, que co seu segundo disco Segundo fogar(Todomedre, 2019) venceron na categoría de mellor álbum en galego competindo contra Heredeiros da Crus, con Derretidos (Dotbeat); Familia Caamagno con Había que intentalo (Folc Records); A Banda da Loba, co seu segundo traballo Fábrica de luz e as Tanxugueiras.

Premios para os festivais galegos de 2019
A fin de semana tamén foi axitada para outros axentes da escena musical estatal pola celebración da gala da quinta edición dos Iberian Festival Awards, os premios que galardoan distintos aspectos dos festivais que se celebran na península. Sempre presentes en varias das categorías do certame, os eventos galegos volveron neste caso de Lisboa cun palmarés de ata nove recoñecementos para varias das citas que tiveron lugar no 2019 no noso país. O Resurrectión Fest é xa un habitual nos podios destes premios e nesta ocasión foron tres os premios que recolleu. O máis importante sen dúbida o de ofrecer o mellor cartel artístico de toda a península durante o pasado ano, un premio co que recuncan tras a anterior edición. Ademais tamén se recoñece a actuación dos vascos Berri Txarrak na súa edición anterior como a mellor dun artista peninsular así como o traballo de fotografía levado a cabo por Daniel Cruz para o festival de Viveiro.

O codirector do festival SonRías Baixas de Bueu, Jordi Lauren, recolleu pola súa banda o premio á Excelencia no seu traballo na promotora Playplan. Outros dous eventos do 2019 da zona das Rías Baixas tamén foron premiados. O Sinsal Estrella Galicia da Illa de San Simón acadou o premio peninsular á mellor labor de Acollemento e Recepción no tratamento aos artistas, mentres que o festival Portamérica 2019 de Calda de Reis foi premiado pola actuación do arxentino Andrés Calamaro, a mellor dun artista estranxeiro en festivais de España a ollos do xurado. Non saíu da cita sen premio o cada ano máis relevante 17º Ribeira Sacra Festival. Neste caso o espectacular evento organizado o pasado ano por este festival foi considerado coma o Mellor Festival Pequeno de España, afianzando o seu papel de referencia. Ademais destes premios outros dous eventos galegos que non son puramente festivais musicais acadaron galardóns nesta cita ibérica, nos apartados estatais. O Eidos Fest da Fundación Uxío Novoneyra no Courel acadou o de Mellor Festival non Musical de España e a Festa do Queixo de Arzúa o de mellor evento festivo de España, apoiado polo seu importante cartel de oferta musical.