O xurado profesional dos Premios MIN da música Independente, organizados desde a Unión Fonográfica Independiente (UFi), fixo xa a súa criba de entre os artistas semifinalistas saídos das votacións populares e só uns poucos elixidos de entre os representante da escena musical galega conseguiron manterse. En xeral as músicas cantadas en idiomas diferentes ao castelán deron en desaparecer dos postos finalistas das categorías que non fosen as do seus propios idiomas (catalán, euskera e galego). Os composteláns Novedades Carminha, grazas ao traballo feito no 2019 tras o lanzamento de Ultraligero (Ernie records) seguen a manter os catro postos na final en categorías tan importantes como Mellor Artista, Mellor Directo, Álbum do ano e Mellor álbum Pop. Ademais deles, nas categorías xerais tamén Xoel López é finalista aínda optando ao premio ao mellor Directo de 2020 pola súa xira Sueños y pan. As opcións da música en galego que estaban como semifinalistas en outras categorías desapareceron tras das decisións do xurado, e quedaron cinco delas limitadas á categoría propia de Mellor Álbum en galego. Nesta categoría propia mantéñense os veteranos Heredeiros da Crus, con ese disco de volta á gravación que é Derretidos (Dotbeat); Familia Caamagno polo seu Había que intentalo (Folc Records); A Banda da Loba, co seu segundo traballo Fábrica de luz( Seispés Producións Creativas); Os Amigos dos músicos por Segundo Fogar (Todomedre) e as Tanxugueiras, que con Contrapunto (Play Plan Cultural|Calaverita Records) repiten despois de ter gañado o pasado ano nesta mesma cat3egoría dos premios MIN polo seu disco de debut , Tanxugueiras. O vindeiro 11 de marzo coñeceránse os gañadores durante unha gala a celebrar en Madrid, no Teatro Crico Price.