Noventa filmes danse cita no 25 aniversario do OUFF

O Festival Internacional de Cinema de Ourense estreará filmes como Deux e Vivere, Olvido y León ou Luarada

Entre o 25 de setembro e o 3 de outubro Ourense acollerá preto de 90 proxeccións dos filmes que fan parte do vixésimo quinto Festival Internacional de Cinema de Ourense. O OUFF presentaba esta 22 de setembro o seu programa, que transcorrerá entre o Teatro Principal, o Auditorio, as salas do Pontevella e o Cineclube Padre Feijóo”. O programa botará a andar con sabor ourensán ao estrear o filme Olvido y León de Xavier Bermúdez. A clausura tamén terá protagonismo ourensán coa estrea de Luarada, de Óscar Doviso, que estará acompañada pola curtametraxe Non me espera ninguén con Isabel Blanco e Antonio Durán Morris.

Os dez filmes da sección oficial seleccionáronse entre 400 longametraxes chegadas de 65 países, e inclúen La isla de las mentiras de Paula Cons, Verano del 85 de François Ozon, True mothers de Naomi Kawase, Deux de Filippo Meneghetti, Agente topo de Maite Alberdi, Regreso a Hope Gap de William Nicholson, Cartas mojadas, de Paula Palacios, Corpus Christi de Jan Komasa, Falling de Viggo Mortensen, e mais Vivere de Francesa Archibugi. O programa inclúe as estreas en España de Deux e Vivere, as mundiais de Olvido y León e Luarada, ademais de True Monthers e Verano del 85 que fixeron parte da última edición do Festival de Cannes.

En paralelo, o OUFF manterá a sección Fas Muvis de rodaxes exprés na cidade, e anunciou o Premio OUFF Televisión á serie La que se avecina "por ser a comedia máis lonxeva da televisión en España e en recoñecemento aos seus éxitos de audiencia permanentes". A serie alcanza esta temporada a súa duodécima temporada, cuxo primeiro capítulo se poderá ver no marco do festival