Na miga dos certames de poesía

A través dun estudo con base en máis de duascentas enquisas e unha mesa redonda o Concello de Carral ven de levar a cabo unha avaliación do funcionamento dos premios literarios

A través dun estudo con base en máis de duascentas enquisas e unha mesa redonda o Concello de Carral ven de levar a cabo unha avaliación do funcionamento dos premios literarios<br />
<br />
Bola de Pan de Carral, un dos elementos identificadores do concello. Foto: Concello de Carral
A poesía é un xénero literario de baixa popularidade de lectura, ventas e edición malia a súa indubidable valoración como aporte esencial ao corpus da literatura e expresión de reflexións, ideas e sentires. A súa visibilidade nos medios de comunicación e mesmo nas librarías é bastante baixa en comparación cos outros xéneros e son moitas as ocasións nos que so adoita tomar un papel protagonista co gallo da entrega de galardóns poéticos. En Galicia son varios os certames de renome dedicados a obra poética e dun deles, o convocado polo Concello de Carral desde 1997, consolidado e coñecido, ven de saír unha iniciativa singular e polo momento única: a elaboración dun informe de avaliación destinado a coñecer en que medida este certame está a cumprir cos seus obxectivos de creación. O resultado é un importante traballo elaborado con numerosos datos recollidos de enquisas que tiveron en conta aos múltiples axentes implicados no feito literario.

O 14 de xullo deste ano, moi pouco antes do fallo da XXIIIª edición do Premio de Poesía Concello de Carral, desde a área de Cultura da vila levábanse a cabo un encontro virtual, unha Xornada en Liña, propia deste tempos de pandemia. O suxeito a tratar neste encontro levaba como título Unha reflexión sobre os certames de poesía galegos e a xornada comezaba cunha breve presentación e exposición por parte de Carlos Lorenzo Pérez, técnico de cultura do concello dos resultados do seu traballo, aínda sen pechar naquel momento, 'Avaliación do Premio de Poesía Concello de Carral 1997-2019'. Con datos extraídos directamente do amplo historial do certame e os seus rexistros e outros tirados de máis de 260 enquisas feitas a sete tipos diferentes de suxeitos implicados na cuestión – desde poetas con ou sen premios no certame ata a cidadanía da vila, pasando por editoriais, xurados, librarías e mesmo as organizacións de outros certames- o informe facía unha radiografía do premio que resultaba moi aplicable á xeneralidade dos concursos poéticos do país. As conclusións tiradas da mesa redonda dese 14 de xullo incluíronse despois completando o rigoroso e completo informe (que pode consultarse íntegro ao pé desta reportaxe).

O certame de Carral creouse en 1997, aos poucos da apertura da biblioteca municipal e emparentado con ela como actividade de animación para o achegamento á lectura. Tal e como a introdución de Carlos Lorenzo ao documento di, o Premio de Poesía de Carral tiña como obxectivos declarados desde a súa segunda edición fomentar a lectura e escrita de poesía en lingua galega pero tamén a descuberta de novos valores poéticos ou a consolidación da traxectoria de outras voces literarias xa con libros editados. Estes obxectivos medraron cos anos e engadíronse as ambicións de que axudase coas obras seleccionadas e editadas a fornecer o sistema literario e tamén coma promoción da imaxe da vila creando unha referencia de relación literaria que identificase o territorio de Carral nunha terceira liña cara a fóra que se engadise a outros dous elementos xa tradicionais do concello coma son o Pan de Carral e os Mártires para os que se alza o monumento no medio da vila. Agás este último obxectivo, de corte moi local, no resto podería coincidir co outros moitos certames poéticos e literarios en xeral que se convocan desde concellos, asociacións e entidades varias. É xustamente por iso que a avaliación feita por Lorenzo do cumprimento de obxectivos ou dos puntos febles do certame son completamente aplicables a case calquera outro dos premios literarios.

Propostas de mellora
"A necesidade desta análise vén dada ante a posibilidade dun posible estancamento do modelo de certames de poesía en xeral e do de Carral en particular", xustifícase na introdución do informe deixando ver unha perspectiva inconformista que explica o esforzo feito en levar a cabo unha tarefa coma esta que nunca se deu en ningún dos premios literarios. As conclusións do traballo sinalan de feito algúns fallos, que se consideran estruturais dos certames en xeral pero que Lorenzo usa para facer propostas de mellora no que atinxe ás convocatorias do premio de Carral. Unha delas pasa polo incremento da contía económica do galardón, un elemento que malia non ser o máis determinante para autores e autoras á hora de presentarse non deixa de ser mencionado entre as cousas importantes dun premio e como un dos puntos a mellorar en Carral en particular, segundo as enquisas. Nos seus 23 anos este certame sempre tivo asignación económica para a obra premiada, tomando o seu segundo ano como verdadeira referencia con 900 euros coma dotación ata os actuais 2,500 euros cos que leva desde o 2016. Dos datos da historia do certame, non se pode detraer un paralelismo entre incrementos significativos da contía do premio con incrementos acentuados de participación, malia que no ano que se chegou aos actuais 2.500 euros (previamente eran 2.000) sí se disparou a entrada de orixinais desde os 23 do 2015 aos 54 de 2016, pero nos anos seguintes houbo igualmente irregularidade no dato. O informe propón incrementar o premio económico de xeito gradual durante 5 anos ata chegar á cifra de 5.000 euros.

As dúas motivacións máis sinaladas para terse presentado na convocatoria foron a publicación da obra e o prestixio que dá o concurso, moi por riba do premio económico


Con todo, onde se cargan as tintas da importancia do premio para escritores e escritoras, como se reflicte tanto nas enquisas coma na mesa redonda na que participaban en representación da parte creadora Miguel Anxo Fernán Vello (tamén editor), Emma Pedreira, Marta Dacosta e Alfredo Ferreiro, é na propia posibilidade de ver a obra editada, distribuída e promovida, polo que iso ten que ver coa propia proxección dos autores e a consolidación do seu oficio. No caso dos datos tirados dos fallos das convocatorias de Carral, dos 16 autores premiados que foron consultados, as dúas motivación máis sinaladas para terse presentado na convocatoria foron a publicación da obra (11) e o prestixio que dá o concurso (7), moi por riba do premio económico (3). A maioría das obras premiadas correspondían a autores con obra previa xa publicada anteriormente (o 68% xa tiñan poemarios) e o rango de idades máis común entre as persoas que recibiron os galardóns está entre os 31 e o 50 anos, un perfil que se afasta do que sería a mocidade pero que, como ben recordaron varios participantes da xornada virtual non quere dicir que non puidesen corresponder con novas voces poéticas, porque non é a idade de quen escribe o que marca a novidade da súa achega. A importancia de visibilidade que outorga a obtención dos galardóns así como prestixio asociado a eles é o factor determinante nun contexto no que o impulso dunha traxectoria resulta tan necesario coma o literario. Na mesa redonda Emma Pedreira era contundente neste punto: "sen premios literarios non tería libros nas bibliotecas e nas librarías e non tería entrado nas espectativas da xente que puidera estar interesada".

A promoción coma punto clave
Esa importancia como vehículos de visibilidade de autores e obras que recoñece esta avaliación sobre os certames poéticos está directamente vencellada coa ausencia recoñecida tamén de outras ferramentas de comunicación para a presenza do xénero e a súa promoción. A ausencia de revistas ou de interese en xeral dos medios de comunicación pola poesía máis alá das noticias que xeran os concursos coma o de Carral fai cargar máis o peso da visibilidade nos propios certames, polo cal tanto das enquisas coma da propia mesa redonda sácase a conclusión da necesidade de mellora de todos os aspectos que teñen que ver coa promoción para aumentar o coñecemento das obras e autores gañadores. Nese sentido a poesía aparece coma un xénero maltratado, "a irmá pobrísima da literatura", segundo Emma Pedreira. "Un xénero difícil", en palabras de Miguel Anxo Fernán Vello, que recoñece o "problema de chegada" da literatura poética. Nas enquisas feitas por Carlos Lorenzo entre a poboación lectora de Carral, que xa son usuarios da biblioteca e participan na avaliación por un interese expreso na lectura, vese xustamente que malia que preto dun 90% leron poesía nalgunha ocasión e que case un 70% sinala que algunha vez leron poesía galega, a porcentaxe baixa a un 40% daqueles capaces de lembrar o nome de tres poetas galegos vivos e un e un 75% non lembra ningún nome de gañadores ou gañadoras do premio de Carral. O documento conclúe grazas a estes datos que o punto máis feble do certame e que precisa máis mellora é xustamente o da promoción das obras premiadas.

O 70% sinala que algunha vez leron poesía galega e a porcentaxe baixa a un 40% daqueles capaces de lembrar o nome de tres poetas galegos vivos


Unha parte das enquisas desta exhaustiva avaliación foi dirixida xustamente aos organizadores de certames de poesía contando coa participación de 8 certames, incluíndose o de Carral. No relativo ás actividades de promoción os resultados deixaron ver quea maioría dos actos que se levan a cabo cos premios teñen que ver coa propia entrega dos galardóns ou coa presentación do libro editado. Son minoritarias a realización de outras iniciativas máis alá coma recitais, conferencias, obradoiro de poesía ou actividades escolares. A realización de máis actividades apareceu coma unha das propostas desde a mesa redonda, incluíndo nomeadamente aquelas que tiñan que ver coa volta á oralidade poética, coma os recitais.

Nas súas propostas para mellorar o alcance e coñecemento do premio de Carral, Carlos Lorenzo indica cara a actividades que promovan a implicación nos centros de ensino coma faladoiros dos autores e autoras gañadoras co alumnado; establecer espazos públicos relacionados co certame (nome de rúas, parque ou praza da poesía, nome da biblioteca...) ou unha exposición ao aire libre sobre gañadores do premio Concello de Carral.

Xurados e perspectiva de xénero
Aproximadamente unha cuarta parte (27%) das obras premiadas nos 23 anos do premio de Carral viñan de mans de escritoras, unha porcentaxe que, segundo os participantes na mesa redonda é similar no resto dos certames ( 3 mulleres gañadoras nas 35 edicións do Premio Cidade de Ourense) e cuxas causas resultan complicadas de explicar toda vez que non existen datos da porcentaxe de obras presentadas e non premiadas ao estar estas baixo plica e non poder comprobarse a identidade do resto de participantes. A composición máis ou menos igualitaria dos xurados, xustamente por esta razón do anonimato non aparece en principio coma un factor determinante, malia que se recoñece a necesidade dunha maior presenza feminina neles coma norma habitual. De feito, os datos non arroxaban diferenzas nesa asignación de premios malia que os xurados puidesen ter sido maioritariamente femininos. No debate sobre este asunto se deron algunhas intervencións que apuntaban que a mostra non era suficiente para tirar a conclusión sobre a inexistente relación entre as composicións de xurados e os resultados de xénero no reparto de galardóns, segundo apuntaba Marta Dacosta. Para Alfredo Ferreiro calquera valoración posible dunha obra por perspectiva do xénero da persoa asinante resultaría allea ao propio valor literario a xulgar, malia que recoñece a necesidade da paridade de presencia masculina e feminina nos xurados.

Emma Pedreira, indo máis alá, acusou sen acritude de "voces falsarias" as dos autores masculinos que, no caso do premio de Poesía de Carral, gañaron o certame con obras nas que asumiron nunha perspectiva de muller, unha circunstancia que puido estar relacionada, segundo a escritora cun intento de responder a "unha moda" de buscar a unha autora. A autora, tamén gañadora deste premio sinalou nomeadamente a Marcos S. Calveiro e Modesto Fraga, que forman parte do palmarés de Carral, e incluso sinalou a posibilidade de que puidesen resultar premiados "confusamente" e deitou a dúbida sobre se deberían incluír as súas obras estatisticamente como obras gañadas por autoras mulleres. Miguel Anxo Fernán Vello achegou datos de participación de estudios estatais con máis de 50 anos de análise que reflectían o mesmo reparto xenérico, (o 82% dos gañadores son homes) sinalando que os xurados nese período tamén eran case exclusivamente masculinos. Marta Dacosta daba unha conclusión na que "os certames literarios non son nada diferente da sociedade, son un reflexo dela" o que os fai susceptibles de "recibir as medidas correctoras que todo na sociedade debe recibir".


Informe de avaliación do Premio de Poesía Concello de Carral.