O blues volve a Fisterra a contra reloxo

Confírmase celebración e cartel do Fisterra Blues Experience con menos dunha semana de antelación

A cita coa música blues na Costa da norte, o Fisterra Blues Experience, ven de confirmar celebración e pechar cartel con tan só unha semana de antelación ao seu comezo. Así funciona agora mesmo a capacidade realista de previsión no sector cultural, que a falta de cinco días para a súa celebración os vindeiros días 11, 12 e 13 de setembro, puidemos coñecer os nomes dos artistas e as bandas que estarán presentes. A cita presentouse oficialmente o venres pasado e desde onte a oferta artística, que ofrece a presenza de nomes coñecidos da escena galega pero non renuncia tampouco a incluír referencias de corte internacional. Cun pé en cada unha desas polas está a Marcos Coll Band que actuará no evento xunto con Julian Vaughn e Mayka Edjole. The Limboos, Aló Django feat. David Regueiro, Marian Ledesma & Los Tinaquero Brothers representarán a música feita no país propiamente e tamén haberá espazo para artistas estatais e estranxeiros coma Greg Izor & Emilio Arsuaga ou El Barullo Tango. A Fisterra House Band, banda residente do festival, volverá a estar presente no evento actuando desde un barco no Blues A Bordo. Ademais, o programa inclúe pasarrúas con Brassica Rapa e unha actividade infantil a cargo de Pakolas. A Praza da Constitución e o Farod e Fisterra serán os lugares que acollerán as actuacións este ano, ademais do propio paseo en barco. Os residentes no Concello poden acceder a un cupo propio de entradas de balde para segurar que poden gozar tamén desta actividade. O evento preséntase este ano coma unha experiencia sanadora nun entorno hostil: "Agora máis que nunca, precisamos do benestar e da búsqueda dunha renovación que nos libere e nos faga presente a fraternidade, os vínculos coa comunidade, a terra e o mar, para alonxar por un tempo as hostilidades do mundo", expresa aorganización na páxina web do festival.